O Salón do Libro amosa a súa solidariedade con Palestina de cara á vindeira edición, que terá lugar do 6 ao 22 de marzo de 2026

A vindeira edición do Salón do Libro celebrarase do 6 ao 22 de marzo de 2026 con Palestina como cultura convidada e a música como fío condutor, nunha edición que reivindicará a solidariedade coa infancia refuxiada.
salon do libro
30 Apr 2025

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa prepara a súa XXVII edición, que se celebrará do 6 ao 22 de marzo de 2026 cunha clara aposta pola solidariedade e a cultura. Así o anunciou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, quen deu a coñecer que o tema escollido será a música e que a cultura convidada será Palestina, como mostra de apoio ao pobo palestino e, especialmente, á súa infancia.

A decisión busca visibilizar a situación de emerxencia humanitaria que se vive na faixa de Gaza e recoñecer a riqueza da literatura en lingua árabe, falada por máis de 500 millóns de persoas. "Queremos mirar a Palestina non como un país normal, porque está sufrindo un xenocidio, senón como un pobo que merece toda a nosa solidariedade. E especialmente a súa cativada, que está a ser vítima directa dun conflito brutal", afirmou o edil.

A primeira entidade colaboradora confirmada para esta edición será a UNRWA, a Axencia da ONU para as persoas refuxiadas de Palestina, representada na presentación por Irene Martínez, responsable de comunicación en España. Desde UNRWA destacouse a gravidade da situación: máis de 50.000 persoas foron asasinadas no último ano e medio, un terzo delas nenas e nenos menores de 13 anos, e máis de 660.000 menores foron privados do seu dereito á educación.

Gómez subliñou que a música será un tema “moi potente e versátil” para traballar nos centros de ensino e que esta información anúnciase con antelación precisamente para facilitar a preparación das actividades por parte do profesorado, dado que a participación escolar é masiva cada ano.

Con esta edición, o Salón do Libro reafirma o seu compromiso coa lectura, a cultura e os dereitos humanos, facendo da literatura unha ferramenta de denuncia, sensibilización e esperanza.

⚙ Configurar cookies
0.12578392028809