O Salón do Libro enche Pontevedra de música e solidariedade do 6 ao 22 de marzo

A XXVII edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil ofrecerá máis de 300 actividades, con Palestina como cultura convidada e a música como fío condutor.
salon del libro
26 Feb 2026

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebra a súa XXVII edición do 6 ao 22 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra e outros espazos da cidade baixo o lema Que non pare a música!.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentou unha programación que inclúe máis de 300 actividades —moitas delas concertadas con centros educativos— con 19 estreas, 15 exposicións e 7 espectáculos exclusivos. A música será protagonista en todas as súas vertentes: clásica, tradicional, contemporánea, rock, concertos didácticos, obradoiros e propostas para tocar, bailar e crear.

Palestina, cultura convidada

A edición deste ano terá como cultura convidada Palestina, que estará presente a través da súa literatura, música e gastronomía. O Salón contará coa colaboración de entidades como UNRWA, Pallasos en Rebeldía ou Heart of Gaza.

A programación solidaria arrincará o 4 de marzo no Teatro Principal coa gala ‘Cultura contra a barbarie’, con De Ninghures, Mago Teto, Leti da Taberna e A Vela Circo. Tamén haberá concertos e espectáculos solidarios como Rockerizados de RockLab ou o espectáculo para bebés O papaventos de Bisán.

OrbilFest e grandes citas

Entre as novidades destaca o OrbilFest, o 14 de marzo, primeiro festival de música para crianzas e familias, con Cé Orquestra, RockLab, Trepia ou A Banda dos Insectos.

Tamén sobresaen o concerto exclusivo Pedro e o lobo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, o espectáculo de PistaCatro —Premio Nacional de Circo 2025— ou a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona na clausura.

Troca de Libros e exposicións

A tradicional Troca de Libros do 15 de marzo ocupará por primeira vez toda a superficie do Recinto Feiral para evitar colas e mellorar a experiencia, e contará cun fotomatón literario e sesión de picadiscos.

Entre as 15 exposicións, destaca a de HeART of Gaza, cos debuxos de crianzas palestinas, e a Orbil Parade que percorrerá a cidade cun mapa ilustrado por Kiko da Silva.

As reservas de praza abrirán cada mércores ás 17.00 horas en salondolibro.gal, mentres que as entradas de pago xa están dispoñibles en Ataquilla.

0.42872405052185