O sector apícola esixe medidas urxentes ante a expansión da velutina e o abandono institucional

Sete organizacións rexistran un manifesto na Xunta no que reclaman investigación pública, compensacións económicas, defensa do mercado local e unha mesa permanente
slg-sector-apicola
17 Sep 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Agrupación Apícola de Galicia, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación Casa do Mel, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, a Asociación Galega de Apicultura e a Asociación Provincial Lucense de Apicultores rexistraron este mércores un manifesto conxunto no edificio de San Caetano da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, para reclamar medidas que permitan salvagardar o futuro do sector. Baixo o lema “Polas nosas abellas, polo noso futuro e pola nosa terra! Stop Velutina e o abandono institucional!”, as entidades alertan da situación que atravesa a apicultura galega e reclaman actuacións inmediatas.

As organizacións asinantes solicitan ás administracións competentes que escoiten as demandas recollidas no documento e que adopten as medidas necesarias para desenvolvelas. Ademais, reclaman unha resposta, unha xuntanza e solucións específicas no prazo de 30 días. “Se en 30 días non hai solucións o sector valorará accións: se non hai solucións, mobilizacións!”, sinalaron.

No manifesto, os colectivos identifican como principais causas da situación crítica do sector o cambio climático, a perda de biodiversidade, o encarecemento dos custos de produción, as importacións de mel, a Varroa destructor e, de maneira especialmente importante, a invasión incontrolada da Vespa velutina Nigrithorax. Segundo explican, trátase dunha “tormenta perfecta” que pon en risco a continuidade do sector se non se aborda como unha problemática social.

As organizacións advirten de que a apicultura galega está a atravesar “unha crise sen precedentes” e alertan do risco de desaparición de miles de colmeas e, con elas, das persoas abelleiras encargadas do seu coidado. No seu manifesto destacan tamén o papel das abellas na conservación da biodiversidade e do medio rural e defenden que a súa protección debe ser asumida como un compromiso do conxunto da sociedade e das administracións.

O documento sinala que os efectos da velutina van máis alá do sector apícola e afectan tamén a actividades como a froita, o viño e mesmo o gando, ademais de representar, segundo as organizacións, un risco para as persoas que viven e traballan no medio rural e para as actividades forestais.

As persoas abelleiras denuncian, ademais, unha importante carga física, psicolóxica e económica derivada dos danos provocados pola velutina. Segundo explican, levan anos advertindo desta situación sen que as administracións presenten solucións que permitan reducir a incidencia da praga e garantir a continuidade das explotacións. As entidades consideran que a dificultade crecente para obter un rendemento económico suficiente se suma aos custos derivados da perda de colmeas e das medidas necesarias para mantelas.

Entre as principais demandas figura o financiamento prioritario da investigación científica pública e a creación de grupos de traballo permanentes nos que participen persoas investigadoras, abelleiras e administracións. O obxectivo sería avanzar no coñecemento do comportamento da velutina, probar medidas preventivas, establecer zonas tampón coordinadas, estudar formas de eliminación e incrementar os fondos destinados á retirada de niños e á prevención da expansión da praga.

As organizacións reclaman tamén a creación de liñas de axudas adaptadas á realidade do sector para compensar as perdas de colmeas provocadas polos ataques da velutina e os sobrecustos derivados da alimentación, o combustible e o material tecnolóxico de protección.

Outra das peticións céntrase na defensa do mercado local e nun etiquetado transparente. Os colectivos solicitan reforzar o selo IXP Mel de Galicia e as producións locais fronte á competencia dos meles importados a baixo prezo e aos que cualifican de adulterados e procedentes de terceiros países.

O manifesto propón igualmente a creación dunha Mesa Permanente da Apicultura Galega como órgano de diálogo entre as administracións, as organizacións profesionais agrarias, as asociacións, as universidades, os grupos de investigación e outros axentes do sector. Esta mesa tería como finalidade reaccionar ante crises sanitarias e climáticas, baixas producións e problemas de mercado, así como abordar a regulación da lei da cadea alimentaria e formular propostas sobre a loita contra a velutina e o deseño das axudas á apicultura.

Por último, as entidades reclaman unha protección específica da apicultura no marco da Política Agraria Común (PAC), tendo en conta o papel das abellas no mantemento da biodiversidade e dos ecosistemas. Tamén solicitan unha revisión do plan apícola autonómico para incluír a apicultura tanto nas intervencións sectoriais como nas axudas medioambientais.

As organizacións asinantes reiteran que agardan unha resposta das administracións, unha xuntanza e solucións específicas para a problemática exposta. O manifesto está asinado pola Agrupación Apícola de Galicia, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación Casa do Mel, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, a Asociación Galega de Apicultura, a Asociación Provincial Lucense de Apicultores e o Sindicato Labrego Galego.

0.3440568447113