O sector do metal volve encher as rúas noutra xornada de protesta antes da reunión coa patronal de hoxe

Os sectores do metal e do comercio do metal da provincia de Pontevedra, que manteñen unha intensa loita en demanda de convenios colectivos dignos, deron onte outra lección de dignidade obreira ao paralizar practicamente a actividade nas principais empresas e polígonos industriais e encher as rúas das cidades e de varias localidades coincidindo coa terceira xornada de folga. Para este venres hai convocada unha xuntanza da mesa negociadora do metal, mentres que xa hai novos paros de 24 horas fixados para os días 19, 20 e 21 no metal e para o día 21 no caso do comercio do metal.
Estas convocatorias coincidirán coa celebración da Feira Internacional Navalia no IFEVI, polo que o empresariado apresurouse a citar a parte social a retomar as conversas co obxectivo de evitar que as mobilizacións poidan frustrar o evento comercial. Con todo, dende as centrais sindicais advirten de que as folgas continuarán e instan a patronal a achegar “propostas serias” que garantan unha mellora das condicións laborais como único xeito de chegar a un acordo que permita pechar o conflito. “Que teñan moi claro que a tensión continúa, e que imos continuar até lograr un convenio colectivo digno”.
Neste senso, rexeitan as “pequenas migallas” que poida poñer o empresariado “enriba da mesa. “Queremos uns salarios que permitan manter o nivel adquisitivo, queremos a subrogación para evitar que moitas persoas traballadoras quedan na rúa, queremos condicións de traballo dignas e seguras, queremos que haxa un só nivel de subcontratación para reducir a sinistralidade laboral e queremos os supostos de traballos especiais para o naval”.
Até o de agora os dous sectores viviron tres xornadas de folga (o pasado día 7, o día 13 e onte día 14) que paralizaron case totalmente a actividade industrial da provincia e deixaron mobilizacións masivas en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín ou Valga. Esta contundente demostración de forza obrigou o empresariado a mover ficha retomando as negociacións ante a proximidade tamén das novas convocatorias e da celebración de Navalia.
No caso do comercio do metal, o empresariado aínda non citou a parte social para retomar as conversas a pesar de que o convenio leva ano e medio caducado. As negociacións romperon o pasado mes de xaneiro despois de que a patronal puxese enriba da mesa a pretensión de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal e a suspensión durante dous anos a aplicación do artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, a suba económica proposta non contempla cláusula de revisión a IPC.