O sector servizos concentra 8 de cada 10 empregos creados en Galicia en marzo

A afiliación á Seguridade Social medra en 7.645 persoas, mentres o paro baixa un 1,2%, cun forte peso do emprego precario.
A CORUÑA ccoo hostelería
7 Apr 2026

O mercado laboral galego continúa a amosar sinais de dependencia do sector servizos, que concentrou 8 de cada 10 empregos creados durante o mes de marzo.

Segundo os datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Galicia rematou o mes con 114.670 persoas desempregadas, o que supón unha baixada do 1,2% respecto a febreiro. Este descenso está vinculado, en boa medida, ao inicio da Semana Santa, especialmente nas provincias máis turísticas.

Por territorios, o paro baixou na Coruña (-552), Lugo (-176) e Pontevedra (-682), mentres que en Ourense rexistrou un lixeiro incremento (+22).

O sector servizos liderou tamén a caída do desemprego, con 1.136 persoas menos, seguido da construción (-240) e da industria (-75). Pola contra, aumentaron as persoas sen emprego anterior.

A afiliación á Seguridade Social medrou en 7.645 persoas, un 0,7% máis que en febreiro, alcanzando un total de 1.095.874 afiliacións en Galicia.

Non obstante, os datos evidencian unha crecente precariedade laboral. O 40% das novas altas realizáronse mediante contratos fixos descontinuos, unha modalidade que medrou un 9,1% nun só mes. Ademais, tamén aumentaron os contratos temporais a tempo completo.

O desemprego segue tendo un marcado perfil feminino, xa que o 58% das persoas paradas son mulleres, e tamén afecta especialmente ás persoas maiores de 45 anos, que representan o 61% do total.

Neste contexto, o sindicato CIG advertiu do “falso optimismo” arredor destes datos e denunciou o “fracaso” dun modelo económico excesivamente dependente do turismo e dos servizos, con emprego de menor calidade.

Segundo o sindicato, a combinación de baixos salarios e aumento do custo da vida está a provocar un incremento das persoas traballadoras pobres e unha maior desigualdade social.

0.28899884223938