O Senado aproba unha iniciativa do BNG para garantir a conexión nas zonas afectadas polos lumes

O Senado aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para urxir o Goberno a restaurar os servizos de internet e telefonía nas zonas do rural galego afectadas polos lumes do pasado verán. A proposta, defendida por Carme da Silva, tamén reclama acelerar a extensión da banda ancha a todo o territorio galego.
carme-da-silva
18 Dec 2025

O Senado aprobou de maneira unánime unha iniciativa do BNG para instar o Goberno do Estado a adoptar medidas urxentes que permitan restaurar con garantías os servizos de internet e telefonía móbil nos concellos da Galiza afectados polos lumes da pasada época estival, especialmente nas comarcas de Lugo e Ourense. A proposta foi defendida pola senadora nacionalista Carme da Silva.

A iniciativa tamén logrou o apoio da cámara alta para acelerar a extensión da banda ancha ao conxunto do territorio galego, co obxectivo de garantir o acceso universal aos servizos dixitais, especialmente no rural.

Carme da Silva valorou positivamente a aprobación da moción, que pon o foco na situación de concellos onde os incendios afectaron de maneira directa ás infraestruturas de fibra óptica e telefonía, como Trives, Manzaneda, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa. Nestes municipios, centos de persoas continúan con conexións provisionais, interrupcións constantes e serias dificultades para realizar actividades básicas como trámites administrativos, teletraballo, operacións bancarias ou acceder a servizos de teleasistencia.

Tras a aprobación da iniciativa, a senadora do BNG subliñou que o Goberno “ten que tomar as medidas necesarias para garantir a conexión” e, se é preciso, “exixir ás operadoras que solucionen de maneira urxente e fiábel os problemas de conexión e cobertura” nas zonas afectadas polos lumes.

A moción aprobada recolle a necesidade de adoptar medidas que eviten a incomunicación das poboacións afectadas e garantan o acceso aos servizos esenciais mentres non se restablece a rede definitiva. Ademais, insta o Goberno a esixir ás operadoras que completen o despregamento da fibra óptica ata acadar o 100 % dos fogares do rural galego, asegurando o cumprimento dos obxectivos do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais de Banda Ancha.

“As operadoras recibiron fondos públicos e teñen que garantir a cobertura, a calidade e o acceso universal, tal e como marca a lei”, sinalou Da Silva, quen advertiu de que non cumprir estes obxectivos no rural galego “significa condenar estas zonas ao illamento dixital e demográfico”.

⚙ Configurar cookies
0.32844185829163