O Sergas defende en Ourense a importancia de integrar criterios climáticos nas políticas sanitarias

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, defendeu a necesidade de avanzar cara a un sistema “integral, sostible e circular”
jose-ramon-parada
13 Apr 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, destacou a importancia de incorporar criterios climáticos nas políticas sanitarias da Xunta como elemento estratéxico para garantir a protección da saúde tanto na actualidade como no futuro.

Parada realizou estas declaracións durante a inauguración do peche en Galicia do proxecto europeo Life Resystal, unha iniciativa centrada na loita contra o cambio climático no ámbito sanitario, celebrada este xoves no CHUO. Na súa intervención, o responsable sanitario defendeu a necesidade de avanzar cara a un sistema “integral, sostible e circular”, no que a saúde non se aborde de forma illada, senón integrada cos determinantes sociais, a contorna e as políticas públicas. Neste sentido, subliñou que o sector sanitario debe desempeñar un papel clave como motor de transformación cara a modelos máis sostibles, en liña con marcos internacionais como a Axenda 2030 e as estratexias europeas de descarbonización.

O xerente do Sergas incidiu ademais en que este cambio só será posible coa implicación dos profesionais sanitarios, aos que atribuíu un papel fundamental como impulsores de boas prácticas na toma de decisións clínicas e organizativas, incorporando criterios de sostibilidade na súa actividade diaria.

Durante o acto, Parada tamén puxo en valor a Estratexia de Economía Circular do Sergas, definida como unha folla de ruta para transformar o modelo sanitario cara a un sistema “sostible e circular, con obxectivos medibles e horizonte temporal definido, avanzando cara a unha sanidade neutra en carbono”.

Segundo explicou, esta estratexia destaca por integrar a sostibilidade na xestión, na asistencia sanitaria e na cultura organizativa, o que supón unha transformación estrutural do sistema.

En relación co proxecto Life Resystal, no que o sistema sanitario galego é o único de España participante e un dos dous únicos servizos de saúde da Unión Europea implicados, Parada sinalou que se trata dun dos marcos máis avanzados en adaptación climática do sistema sanitario.

O proxecto piloto desenvolveuse nos tres hospitais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, funcionando como un laboratorio real de adaptación climática hospitalaria e como un modelo metodolóxico que pode estenderse ao conxunto do sistema.

Desde esta área sanitaria tense participado no proxecto coa idea de que o sistema de saúde debe ser parte activa da solución fronte ao cambio climático, tanto polo seu impacto na saúde como pola necesidade de reducir a súa propia pegada ambiental e avanzar cara a un modelo máis eficiente e resiliente.

Life Resystal permitiu sistematizar e reforzar liñas de traballo xa existentes, consolidando unha estratexia máis estruturada e colaborativa. Entre as actuacións desenvolvidas destacan a instalación de enerxía solar fotovoltaica nos tres hospitais, cunha produción superior aos 243.000 kWh e unha redución estimada de 60 toneladas de CO₂.

Tamén se revisaron procesos asistenciais e farmacéuticos para diminuír as emisións asociadas a inhaladores presurizados e gases anestésicos, ámbitos nos que xa se están a lograr melloras.

Así mesmo, impulsáronse intervencións en infraestruturas hospitalarias con impacto directo na cidadanía, como o novo paseo verde do Hospital Universitario de Ourense, deseñado para reducir a temperatura ambiental, mitigar o efecto illa de calor e mellorar o confort no acceso ao centro.

Na área de Valdeorras executouse un tellado verde no marco da renovación de cubertas, mentres que en Verín se desenvolveron sistemas de recollida de augas pluviais e aproveitamento de augas grises. Todas estas actuacións responden a unha mesma liña estratéxica orientada a infraestruturas sanitarias máis eficientes, responsables e preparadas para os retos climáticos do futuro.

0.38163685798645