O Sergas desminte os anuncios do alcalde de Cerdedo-Cotobade sobre o reforzo dos recursos sanitarios

A deputada socialista Paloma Castro denunciou que o Sergas desmentiu no Parlamento os anuncios do alcalde sobre melloras sanitarias en Cerdedo-Cotobade e esixiulle á Xunta cobertura estable de persoal e unha ambulancia propia para o PAC
Paloma castro
21 Dec 2025

A deputada do PSdeG-PSOE Paloma Castro advertiu de que o Sergas desmentiu no Parlamento os anuncios realizados polo alcalde de Cerdedo-Cotobade sobre un suposto reforzo dos recursos sanitarios no concello. Así o manifestou tras unha pregunta oral presentada na Comisión de Sanidade, na que o xerente do Sergas limitou o compromiso dunha nova ambulancia á realización dun “estudo” e o reforzo de persoal á reposición da xubilación do médico de Cotobade.

Castro esixiulle á Xunta que garanta a cobertura estable das prazas de médicos e enfermeiras asignadas aos centros de saúde de Carballedo e Tenorio, así como ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Cerdedo, logo de anos de promesas incumpridas. Neste sentido, reclamou a dotación dunha ambulancia propia para o PAC como unha necesidade básica para a atención sanitaria na zona.

A parlamentaria socialista defendeu o dereito a unha “atención sanitaria digna e en igualdade de condicións”, subliñando que en Galicia “non pode haber cidadáns de primeira e de segunda”. Lembrou que os arredor de 6.000 habitantes do concello merecen os mesmos servizos que o resto da poboación e afeoulle ao Goberno galego que chegue “tarde e despois de anos de denuncias e reclamacións”.

Castro advertiu ademais de que o Centro Médico de Cotobade arrastra importantes problemas de espazo e funcionalidade e estivo funcionando cun só dos dous médicos asignados por unha baixa que permaneceu un ano sen cubrir. A esta situación súmase a xubilación prevista do médico en activo a comezos do vindeiro ano e a supresión dunha das dúas prazas de enfermaría, deixando recursos moi limitados para atender á veciñanza, incluídas 52 persoas encamadas e as visitas domiciliarias.

No que respecta ao PAC de Cerdedo, denunciou carencias estruturais e graves problemas de persoal que provocan cada verán a falta de cobertura das vacacións e derivacións de pacientes a outros centros, como A Parda, en Pontevedra, ou a concellos limítrofes. Lembrou que a demanda dunha ambulancia propia é histórica e fundamental para unha comarca marcada pola dispersión e as longas distancias.

Finalmente, alertou da preocupación do persoal sanitario ante a próxima apertura dunha residencia e centro de día de maiores en Carballedo, que podería supoñer a incorporación de ata 80 novos pacientes sen que estea previsto ningún reforzo de persoal. Castro concluíu que resulta “contraditorio” falar de políticas contra o despoboamento do rural mentres se restrinxen servizos básicos como a sanidade, a educación ou o transporte.

⚙ Configurar cookies
0.2852578163147