O Servizo Galego de Saúde actualiza os criterios para ampliar os beneficiarios gratuítos do sistema personalizado de dosificación de medicamentos

O Servizo Galego de Saúde actualizou os criterios do Programa de mellora da adherencia terapéutica, que facilita a preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación (SPD) de medicamentos en colaboración coas farmacias, co obxectivo de ampliar o número de beneficiarios gratuítos.
A partir de agora, poderán acceder a este servizo gratuíto todos os pacientes de 70 anos ou máis con 10 ou máis medicamentos prescritos que vivan sós ou sen unha rede de apoio sociofamiliar axeitada.
Ademais, introdúcese un criterio de excepcionalidade, permitindo o acceso a pacientes menores de 70 anos que presenten dificultades especiais para o uso correcto dos medicamentos.
Mellora dos resultados en saúde
Os sistemas personalizados de dosificación (SPD) son dispositivos con compartimentos onde se distribúe a medicación necesaria durante un período determinado. Son preparados nas farmacias despois da dispensación dos medicamentos.
Este sistema permite:
Reducir erros na toma de medicación, evitando confusións e problemas de manipulación.
Facer máis seguro o uso dos medicamentos.
Facilitar o traballo dos coidadores, mellorando a administración do tratamento.
En Galicia, 88.235 pacientes teñen 10 ou máis prescricións crónicas.
O programa, baixo o lema "Axudámosche ca túa medicación", é unha estratexia clave da Consellería de Sanidade, coa participación de máis de 500 oficinas de farmacia.