O Sindicato Labrego Galego alerta da falta de implicación da Xunta na negociación da futura PAC

O SLG reclama á Consellería do Medio Rural que active a comisión de PAC e defenda en Madrid e Bruxelas os intereses das explotacións galegas
agricultura-campo-cultivo-agricultor-colleita-sega
9 Sep 2026

O Sindicato Labrego Galego (SLG) amosa a súa preocupación pola falta de implicación que, ao seu xuízo, está a mostrar a Consellería do Medio Rural no debate europeo sobre a futura Política Agraria Común (PAC), que marcará o futuro das axudas ao sector entre 2028 e 2034.

A organización agraria rexistrou o pasado 31 de agosto no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) as súas alegacións á proposta marco da Comisión Europea, a través do cuestionario elaborado polo propio ministerio, e trasladou tamén estas achegas á Xunta. O SLG reclama agora á Consellería que explique que actuacións está a desenvolver para defender os intereses do sector galego tanto no ámbito estatal como europeo.

Para o sindicato, o actual momento da negociación é decisivo, xa que está en xogo o futuro de milleiros de explotacións galegas. O SLG considera que a futura PAC debe garantir que as axudas cheguen ás persoas que realmente producen alimentos, contribuír á regulación dos mercados e asegurar rendas dignas para o sector, ademais de favorecer a conservación ambiental e o mantemento dun medio rural vivo.

Un dos principais puntos da súa proposta é que os pagamentos directos estean vinculados á condición de agricultor ou agricultora activa e non fundamentalmente á superficie. O sindicato considera que o actual sistema penaliza especialmente Galicia e a cornixa cantábrica pola súa menor base territorial e lembra que Galicia é o único territorio do Estado no que hai máis persoas cotizantes á Seguridade Social agraria que solicitantes da PAC.

A organización agraria tamén critica a orientación da proposta presentada pola Comisión Europea e considera especialmente preocupantes a redución do orzamento e a posible desaparición das axudas ao desenvolvemento rural. Ao seu xuízo, o novo modelo podería supoñer un importante recorte dos fondos destinados ás explotacións e evidencia que a produción de alimentos perde prioridade para Bruxelas.

O SLG advirte de que, se a nova PAC non incorpora mecanismos para regular os mercados e garantir rendas dignas, continuará o peche de explotacións e o abandono das zonas rurais en Galicia e no conxunto de Europa.

Críticas á Consellería do Medio Rural

O Sindicato Labrego Galego cuestiona especialmente a actuación da Xunta e lembra que no Consello Agrario Galego se acordou a creación dunha comisión de traballo coas organizacións agrarias para abordar conxuntamente a negociación da PAC. Porén, denuncia que este órgano só se reuniu unha vez nos últimos oito meses.

Por este motivo, reclama que a Consellería convoque de inmediato a comisión para analizar a situación da negociación e definir unha posición galega común que poida ser defendida en Madrid e Bruxelas. O SLG considera que Galicia debe ter unha voz propia nun proceso que condicionará o futuro do sector primario durante a próxima década.

A organización lembra tamén que o Parlamento Europeo está a analizar máis de 4.000 emendas ao texto da Comisión e sinala que está a estudar estas propostas a través da ECVC para manter a súa interlocución no ámbito europeo.

Finalmente, o SLG critica a falta de información ao conxunto do sector e anuncia que, unha vez rematado o estudo da documentación e as súas interlocucións, organizará asembleas comarcais para explicar a evolución das negociacións e analizar posibles mobilizacións. A organización esixe á Xunta que abandone a pasividade e asuma un papel activo na defensa dos intereses das explotacións galegas.

0.43207192420959