O Sindicato Labrego Galego pedirá o apoio dos alcaldes das Rías Baixas ante a crise que atravesa o sector vitivinícola

O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitará reunións cos alcaldes dos concellos da comarca vitivinícola das Rías Baixas para trasladarlles a preocupante situación que atravesa o sector e reclamar o seu apoio ante o que considera un incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e a falta de actuacións por parte da Xunta de Galicia.
A decisión foi acordada nunha asemblea convocada polo propio sindicato na que participaron máis de 60 viticultores e viticultoras da denominación de orixe, xunto co novo responsable do sector do viño do SLG, David Álvarez; a secretaria xeral da organización, María Ferreiro; o responsable da Secretaría de Acción Sindical, Brais Álvarez; e os vogais do sindicato na DOP Rías Baixas.
Durante os encontros cos rexedores municipais, o sindicato trasladará catro demandas que considera prioritarias para garantir a viabilidade do sector. Entre elas figura condicionar as subvencións públicas ás adegas ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, excluíndo das axudas aquelas empresas que paguen por debaixo dos custos de produción ou incorran en prácticas fraudulentas.
Tamén reclama limitar temporalmente as novas plantacións ata recuperar o equilibrio do mercado, manter e reforzar os controis sobre a produción máxima autorizada mediante o sistema de tarxetas e intensificar a vixilancia sobre a procedencia da uva e do mosto para evitar a entrada de producións alleas á denominación e os excesos de rendemento nas parcelas.
O SLG denuncia que algunhas adegas están ofrecendo contratos a prezos moi inferiores aos custos de produción, que distintos viticultores sitúan en 1,52 euros por quilo de uva. A organización lembra que o Consello Regulador xa trasladou esta referencia á Xunta para a súa oficialización, pero asegura que o Goberno galego aínda non estableceu un prezo de referencia para o sector.
Mentres tanto, a única referencia existente continúa sendo o valor de 1,40 euros por quilo empregado por Agroseguro para os seguros da viña, unha cifra que foi actualizada recentemente a petición do propio Consello Regulador.
O sindicato alerta de que a continuidade desta situación pode provocar o abandono de numerosas pequenas explotacións familiares, co consecuente impacto económico, social e ambiental sobre o territorio. Neste sentido, advirte de que a desaparición destas explotacións tamén podería incrementar o risco de incendios e afectar á conservación da paisaxe vitícola.
Desde o SLG lembran que a Denominación de Orixe Rías Baixas naceu grazas ao esforzo das pequenas explotacións familiares e consideran que o actual modelo está favorecendo intereses alleos ao territorio mentres compromete a continuidade das adegas e produtores que contribuíron a construír o prestixio da denominación.
Ademais, a organización reclama recuperar a diferenciación histórica das distintas comarcas produtoras, especialmente do Condado e O Rosal respecto ao Salnés. Para iso, propón a elaboración dun mapa de calidades que permita identificar e poñer en valor as características específicas de cada zona e contribuír a unha mellor valorización da produción.
O Sindicato Labrego Galego advirte finalmente de que, se non obtén resposta por parte dos alcaldes nin se trasladan estas demandas á Xunta, intensificará as mobilizacións previstas nas próximas semanas para reclamar solucións que garantan un futuro viable para o sector vitivinícola das Rías Baixas.