O Sindicato Labrego Galego reúnese cos alcaldes das Rías Baixas para falar da "crise" do sector vitícola

O Sindicato Labrego Galego (SLG) mantivo unha xuntanza cos alcaldes e alcaldesas de Salvaterra de Miño, Ponteareas, Crecente, As Neves, Arbo, A Cañiza, Salceda de Caselas, Tomiño e O Rosal para trasladarlles a situación límite que atravesa a viticultura na comarca, dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Segundo explica Manuel González, coordinador comarcal do SLG, o obxectivo do encontro foi ” trasladar a necesidade de implementar medidas urxentes para revertir a situación crítica que vive o sector vitícola”. Á reunión acudiron tamén Rosario Domínguez, coordinadora comarcal, e José Antonio Presa e Cristina Carrera, vogais do sindicato no Consello Regulador da DO Rías Baixas. O SLG convidou ademais a varios viticultores e viticultoras da zona, para que os rexedores puidesen escoitar de primeira man como está a afectar a crise ás súas explotacións.
Na xuntanza expuxéronse primeiro os datos da campaña facilitados polo Consello Regulador, e a continuación o sindicato presentou aos alcaldes o paquete de medidas xa remitido por escrito aos concellos da comarca; entre as que destacan a necesidade de que os concellos se posicionen publicamente en defensa firme do sector vitícola local, recoñecendo o seu peso económico e o seu papel contra o despoboamento rural, en segundo lugar, que a Consellería do Medio Rural e o AGACAL executen de xeito inmediato o establecemento do custo de produción oficial aprobado por unanimidade no pleno do Consello Regulador do 19 de xuño, de xeito que ningún quilo de uva se pague por debaixo dese valor; e en terceiro lugar, que as adegas que ostentan o selo Galicia Calidade e que están a orixinar a caída do valor da uva se impliquen directamente na protección das pequenas explotacións vitícolas e na defensa dun prezo digno para o sector primario e que ningunha adega que pague a uva por debaixo dos custos de produción reciba axudas públicas, quedando excluidas entre outras das Liñas de Crédito nas que se bonifica os intereses para a compra da uva.
Como conclusión do encontro, alcaldes e alcaldesas mostráronse preocupados e manifestaron todo o seu apoio ás reinvindicacións dos viticultores comprometéndos a acompañalos na súas demandas. Asimesmo o sindicato ofrecerá axuda os viticultores que queiran reclamar por sentirse perxudicados polos prezos a baixa da uva e que se seguirá presionando ás administracións, sen descartar posibles mobilizacións nas vindeiras semanas se non hai respostas efectivas ás demandas do sector.