O SLG alerta da grave seca e reclama medidas urxentes á Xunta

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) advertiu da grave seca que afecta a boa parte de Galiza, comprometendo seriamente a viabilidade económica de numerosas explotacións agrogandeiras e hortícolas. A organización alerta de que a situación pode empeorar nos vindeiros meses e anos se non se adoptan medidas urxentes.
“O solo de Galicia non retén auga como noutras zonas. Cando hai un período prolongado de seca, aínda que existan reservas, o terreo queda sen humidade e secan os cultivos”, explicou Brais Álvarez, apicultor e membro da executiva nacional do SLG.
Agás nalgunhas zonas do norte e da Mariña, o resto do país sofre un acusado déficit hídrico, repetindo patróns que xa se advertiran en 2023 como un claro síntoma do cambio climático. Nese momento, a Consellería de Medio Rural comprometérase a crear unha comisión para abordar esta nova realidade, pero o SLG denuncia que nada se avanzou.
A falta de planificación está obrigando a explotacións de leite e carne a consumir xa as reservas de forraxe do inverno, debido á escaseza de pastos e á mala produción da segunda corta de herba. Na horta, a seca e a ausencia de infraestruturas de rega adaptadas ao minifundio fan inviábel manter unha produción regular, mentres cultivos como o castaño sufriron caídas prematuras do froito pola calor extrema de comezos de xullo.
O sindicato lembra que a combinación de seca, altas temperaturas, baixa humidade e vento —o chamado “30-30-30”— incrementa tamén o risco de grandes incendios forestais, cada vez máis prolongados. Por todo isto, o SLG esixe que se retomen e apliquen as medidas prometidas desde 2023 para afrontar a seca e o cambio climático, pois a emerxencia climática xa está a condicionar o presente e futuro do rural galego.