O SLG celebrará en Crecente o Congreso do Sector do Viño para definir o futuro da vitivinicultura galega

A organización afronta esta cita coa intención de reforzar a defensa dunha vitivinicultura social vinculada ás persoas, á terra, ás variedades autóctonas e á tradición histórica
congreso-sector-do-vino-crecente
27 May 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará este xoves 28 de maio o Congreso do Sector do Viño no concello pontevedrés de Crecente. O encontro desenvolverase a partir das 17.00 horas no Restaurante O Palancas e servirá para analizar a situación actual do sector vitivinícola galego, renovar a dirección sectorial da organización e establecer as liñas de traballo para os próximos catro anos.

A organización afronta esta cita coa intención de reforzar a defensa dunha vitivinicultura social vinculada ás persoas, á terra, ás variedades autóctonas e á tradición histórica do viño en Galicia. O sindicato considera fundamental garantir a continuidade das pequenas explotacións e das adegas de colleiteiro, así como preservar a arquitectura tradicional asociada ao viño, como adegas, covas, socalcos ou muros que forman parte da identidade das zonas produtoras.

Desde o SLG sosteñen que a conservación da paisaxe vitícola depende directamente da presenza de labregos e labregas traballando no territorio. Neste sentido, alertan dos efectos negativos do abandono agrario, da expansión da viticultura industrial e da forestación de terras agrícolas, especialmente nas áreas de viñedo.

A organización critica tamén as políticas impulsadas tanto pola administración galega como pola estatal, ás que acusa de favorecer as grandes concentracións de terra e de priorizar proxectos intensivos fronte ás pequenas producións sostibles e de calidade. Segundo denuncian, as axudas públicas están a beneficiar grandes plantacións mecanizadas que, ademais do impacto ambiental, están xerando preocupación entre a veciñanza polo uso intensivo de pesticidas, herbicidas e outros produtos fitosanitarios.

O sindicato advirte de que este modelo produtivo concentra a actividade en poucas mans e ameaza a viabilidade de centos de pequenas explotacións familiares que apostan por unha produción sustentable e ligada ao territorio.

O Congreso do Sector do Viño pechará o calendario de congresos sectoriais do Sindicato Labrego Galego iniciado tras a celebración do XI Congreso Nacional da organización, desenvolvido en Lalín en novembro de 2025 baixo o lema “Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro”. Durante os últimos meses xa se celebraron os congresos dos sectores vexetal, leiteiro e de vacún de carne.

0.39187288284302