O SLG, COAG e UATAE reclaman a xubilación anticipada sen penalizacións para o sector agrario

O Sindicato Labrego Galego, COAG e UATAE solicitan ao Ministerio de Seguridade Social que as persoas autónomas do agro poidan xubilarse antes dos 67 anos sen reducións, dada a penosidade do traballo no campo e os elevados índices de sinistralidade.
Sindicato Galego Labrego
15 Jul 2025

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG), xunto a COAG e UATAE, presentaron unha petición formal ante o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para reclamar que as persoas agricultoras e gandeiras autónomas poidan acceder á xubilación anticipada sen penalizacións. A iniciativa apóiase no Real Decreto 402/2025, do 27 de maio, e fundamenta a súa demanda nas condicións penosas e perigosas do traballo no sector agrario.

Segundo os datos de 2023, o agro rexistrou o maior índice de mortalidade laboral do Estado español, con 8,23 mortes por cada 100.000 persoas traballadoras. Esta cifra ascende a máis de 20 mortes por cada 100.000 traballadoras/es maiores de 55 anos, o que evidencia o risco que implica continuar traballando no campo en idades avanzadas.

“Estamos a falar dunha profesión que require forza física, manexo de animais de gran porte, maquinaria pesada, exposición a condicións extremas e produtos tóxicos. Non se pode pretender que se traballe ata os 67 anos nestas condicións”, sinalou Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG e gandeira en Lourenzá.

Desde as organizacións asinantes destacan tamén a situación de especial vulnerabilidade das mulleres labregas, que asumen unha dobre carga física e mental sen que isto se vexa recoñecido nas súas condicións de acceso á xubilación.

O SLG pide ao Goberno que aplique coeficientes redutores para a idade de xubilación, como xa se fai noutros sectores recoñecidos pola súa penosidade, como a minería ou os corpos de bombeiros.

A central labrega reivindica que esta medida se adopte con urxencia e de maneira xusta, garantindo unha xubilación digna para quen leva toda unha vida traballando na terra.

⚙ Configurar cookies
0.55075788497925