O SLG esixe á Xunta que garanta prezos xustos para o leite e cumpra a Lei da Cadea Alimentaria

O Sindicato Labrego Galego reclama á Consellería do Medio Rural actuacións urxentes para impedir contratos lácteos por debaixo dos custos de produción, transparencia sobre as importacións de leite e unha reunión inmediata co sector produtor.
A organización considera insuficiente a suba de 1,5 céntimos por litro que están a propoñer algunhas industrias nas renovacións de contratos previstas para finais de novembro. Segundo o SLG, estes incrementos non permiten compensar o aumento dos custos de produción nin recuperar as perdas acumuladas polas baixadas de prezos da primavera.
O sindicato lembra que a Lei da Cadea Alimentaria prohibe establecer contratos nos que o prezo percibido polas persoas produtoras sexa inferior aos custos efectivos de produción. Por iso, reclama á Consellería que investigue os contratos e adopte medidas para garantir o cumprimento da normativa.
A organización tamén pide explicacións sobre a entrada de leite procedente de Portugal, Francia, Países Baixos e outros países a prezos inferiores aos custos de produción. Neste sentido, demanda que se identifiquen as empresas implicadas, se investiguen as condicións comerciais e, de ser necesario, se denuncien estas prácticas ante os organismos competentes.
O SLG considera que existe unha contradición entre o recoñecemento público da calidade do leite galego e os prezos que reciben as explotacións. Segundo os datos da Fundación Juana de Vega, producir un litro de leite en 2026 custa 47,4 céntimos, mentres que o prezo medio percibido polas granxas en setembro foi de 45,5 céntimos.
Ante esta situación, o sindicato reclama prezos que cubran os custos reais de produción, maior transparencia nas importacións e unha reunión urxente coa Consellería na que as gandeiras e gandeiros teñan participación efectiva.
«Non é cuestión de empatía, señora conselleira, é cuestión de cumprir a lei», conclúe a organización.