O SLG ve insuficientes os fondos destinados a cubrir as axudas de prevención de danos pola fauna silvestre

O Sindicato Labrego Galego (SLG) ten constancia nos últimos días de que están chegando ás granxas cartas que desestiman as axudas de prevención de danos causados pola fauna silvestre co único argumento de “esgotamento de crédito”. Unha situación que, segundo denuncia a organización, se repite ano tras ano e que evidencia que os fondos destinados a esta liña —tramitada baixo o procedemento MT809D— resultan claramente insuficientes fronte á demanda real das granxas.
Para o SLG, a convivencia coa fauna silvestre e a súa conservación é unha cuestión que atinxe ao conxunto da sociedade galega, polo que non se pode pretender que sexan as granxas as que soporten de forma continuada as perdas que esta fauna ocasiona. O sindicato insiste en que, para garantir esa convivencia entre as actividades labregas e especies como o xabarín, o lobo ou o oso, "é imprescindible que como sociedade se invista o necesario para que as granxas galegas conten con medidas preventivas eficaces que eviten os ataques".
Dende a organización lévase anos advertindo de que a contía destinada a este fin na orde anual de axudas que publica a Consellería de Medio Ambiente non se corresponde coa crecente necesidade de medidas preventivas que teñen as granxas. "O feito de que sexa habitual que granxas queden fóra da axuda por esgotamento de crédito demostra que as necesidades reais do sector superan amplamente o que contempla a Consellería", sinala o SLG.
O sindicato lembra ademais que estas axudas preventivas resultan moito máis baratas e beneficiosas socialmente que as destinadas a cubrir as perdas xa ocasionadas polos ataques da fauna silvestre, "polo que reforzar esta liña non só é máis eficiente, senón tamén máis xusto para as granxas".
Por todo isto, o SLG considera que a Xunta de Galicia debe converter esta cuestión nunha prioridade e dotar estas axudas de máis fondos, tal e como xa fixo noutras convocatorias anteriores, de xeito que ningunha persoa solicitante quede fóra por esgotamento de crédito. Para o sindicato, as medidas preventivas son unha ferramenta fundamental para que a sociedade poida convivir coa fauna silvestre, polo que resulta necesario garantir sempre a existencia dos fondos precisos para que as granxas poidan adaptarse a esta nova realidade.