O STEG chama á mobilización na Mariña en defensa do ensino público nunha xornada con protestas en toda Galicia

Entre as principais denuncias sinalan o “estado de abandono” de numerosos centros, con deficiencias en infraestruturas que, segundo indican, poden supoñer un risco para alumnado e profesorado
manifestación-ensino-público-Galicia
5 May 2026

A Mariña acollerá este mércores, 6 de maio, dúas mobilizacións en defensa do ensino público convocadas polo Sindicato de Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) xunto con outras organizacións educativas, ANPAS e colectivos estudantís. As protestas terán lugar ás 19:00 horas en Ribadeo, con saída desde o parque Rafael Fernández Cardoso (EOI), e en Viveiro, desde a Praza Maior.

Estas concentracións forman parte dunha xornada de mobilizacións simultáneas en máis de vinte localidades das catro provincias galegas, nas que a comunidade educativa sairá á rúa para denunciar o que consideran unha situación crítica do ensino público e reclamar cambios estruturais.
Na provincia da Coruña están convocadas mobilizacións na Coruña (ás 18:00 en Catro Camiños), Carballo, Cee, Compostela, Ferrol, Muros e Porto do Son.

En Lugo, ademais de Ribadeo e Viveiro, haberá protestas na capital lucense e en Monforte. Pola súa banda, en Ourense están previstas concentracións no Carballiño, na cidade de Ourense e en Verín.

Finalmente, na provincia de Pontevedra desenvolveranse mobilizacións na Estrada, en Mos e O Porriño —con saídas separadas e final conxunto—, no Morrazo, no Salnés (O Grove), en Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Val Miñor e Vigo.

Desde o STEG explican que estas protestas chegan tras as mobilizacións desenvolvidas a finais de febreiro e buscan “amosar a unidade e transversalidade necesarias para loitar polo ensino público e mudar a realidade que se vive nas aulas”. As organizacións convocantes inclúen tamén sindicatos como CIG, CUT, Solidariedade Obreira e CNT, ademais de federacións de ANPAS e colectivos do ámbito educativo e estudantil.

Entre as principais denuncias sinalan o “estado de abandono” de numerosos centros, con deficiencias en infraestruturas que, segundo indican, poden supoñer un risco para alumnado e profesorado. Tamén critican a falta de persoal, que dificulta ofrecer unha atención educativa de calidade e inclusiva, así como a sobrecarga de traballo e tarefas burocráticas que soporta o profesorado, ademais de denunciar situacións de censura nos centros educativos.

No caso concreto da comarca da Mariña, o sindicato apunta a situacións como a de especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe que deben atender varios centros á vez, o que repercute na continuidade e calidade da atención. Tamén mencionan a falta de substitucións e dificultades organizativas, con exemplos como equipos directivos que teñen que resolver incidencias no comedor escolar pola ausencia de persoal.

O STEG fai un chamamento á participación cidadá nestas mobilizacións, co obxectivo de visibilizar as demandas do sector educativo e reclamar medidas que garantan un ensino público de calidade en Galicia.

0.33694791793823