O taekwondo galego reúne esta fin de semana a 1.500 deportistas nas fases escolares e no Galego Sub-21

Uns 1.500 taekwondistas de toda Galicia competirán esta fin de semana no Campionato Galego Sub-21 de Combate e nas fases escolares provinciais de Técnica, Exhibición e Freestyle. Estes eventos reunirán ás promesas máis destacadas do taekwondo galego e servirán de clasificatorio para o Campionato Galego Escolar, que se celebrará o 24 de maio en Redondela, na mesma xornada que o Galego Absoluto de Exhibición.
O Galego Sub-21 de Combate disputarase o domingo 11 de maio no Pavillón Municipal de Irixoa (A Coruña) e reunirá a preto dun centenar de deportistas. A competición, organizada polo Club Han ́s Horang-I, desenvolverase en horario de mañá e tarde. De forma paralela, en Irixoa terá lugar tamén o Campionato Escolar de Técnica, Exhibición e Freestyle, con categorías que van desde benxamín a cadete. As entregas de medallas están previstas para as 12:30 e 17:30 horas.
O sábado 10 de maio celebraranse as restantes fases provinciais en Pontevedra, Lugo e Ourense. En total, nas probas escolares participarán máis de 1.300 deportistas, dos cales 1.050 farano en Técnica, 244 en Exhibición e 28 en Freestyle. Competirase en individual, parella e trío nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
Os eventos escolares desenvolveranse nos seguintes lugares:
Pontevedra: Pavillón Municipal de Caldas de Reis (organiza Club Número Phi)
Lugo: Pavillón Municipal de Taboada (organiza Club Neka)
Ourense: Pavillón dos Remedios (organiza Club Couto)
As entregas de medallas están programadas para as 12:00 h en Lugo e Ourense, e ás 12:30 h en Pontevedra.
As competicións están supervisadas pola Federación Galega de Taekwondo e contan co apoio da Xunta de Galicia, os concellos organizadores e o programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte. A entrada é gratuíta en todos os recintos.