O Teatro Principal de Pontevedra acolle a presentación oficial de Etiqueta Negra

A novena edición de Etiqueta Negra reunirá profesionais, produtores e público no Recinto Feiral de Pontevedra do 8 ao 10 de novembro
Etiqueta Negra
3 Nov 2025

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu a presentación oficial da novena edición de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra os días 8, 9 e 10 de novembro, convertendo de novo á cidade no epicentro do sector gastronómico galego.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou que “a feira do gourmet máis importante de Galicia non só busca poñer en valor o produto de grande calidade, senón tamén o investimento en innovación, formación e creación de negocios e industrias dun sector en crecemento constante”. Lembrou que “Galicia é unha das cinco comunidades con maior peso agroalimentario de España, e Pontevedra convértese con Etiqueta Negra no escaparate do mellor produto gourmet galego”.

Engadiu que a alimentación e a produción de bebidas representan xa unha parte esencial da industria galega, con máis de 40.000 empregos, polo que “desde Pontevedra estamos a dar pulo a un sector estratéxico”.

Gulías tamén salientou o lema deste ano, “Compartindo o noso”, “moi axeitado nunha cidade que aposta pola produción e a creación local, pero tamén pola cohesión de Galicia”. Lembrou que Pontevedra desenvolve numerosas actividades gastronómicas vencelladas ao Camiño Portugués e ao Mercado de Abastos.

No acto de presentación participaron tamén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes de distintos ámbitos do sector: produtores como Trasdeza Nutur, El Nogal ou Avigal; a hostalaría, con Icewolf e Cafetería Central; chefs como Iñaki Bretal (O Eirado da Leña, Estrela Michelín); o comercio e as tendas especializadas como Juncal Alimentación e El Vergel; e o ámbito da formación, representado polo CIFP Carlos Oroza.

Tamén estiveron presentes Javier Tourís, deputado responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra, e Pedro López, de Hijos de Rivera, en representación dalgúns dos principais patrocinadores da feira.

Programación oficial

O Anfiteatro 1906 volverá ser o centro da creatividade gastronómica, acollendo showcookings e actividades de profesionais galegos de referencia:

Sábado 8: o chef Iñaki Bretal abrirá o programa cunha proposta centrada na excelencia dos produtos da provincia, nunha actividade promovida por Turismo Rías Baixas.

Domingo 9: a chef Lucía Freitas (A Tafona, Estrela Michelín) presentará o proxecto Amas da Terra, e os gañadores de Pontedetapas 2024 exhibirán as súas creacións premiadas nunha sesión patrocinada polo Concello.

Luns 10: o CIFP Carlos Oroza será o protagonista co showcooking “Locavore: do noso campo, da nosa ría, da nosa casa”, no que alumnado e profesorado combinarán tradición e innovación culinaria.

Completan o programa Borja Piñeiro e Elia Pereira (Restaurante Lado), Alberto Lareo (Maina) e Inés Cameselle (Casa Ces), ademais do broche final “PAPRICA by Cervezas 1906”, con Álvaro Villasante e Fátima Otero.

A feira contará tamén con catas, degustacións, accións da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e actividades centradas na promoción do produto artesán galego. Manterá o seu carácter profesional e formativo, cun espazo de encontro entre empresas, distribuidores e máis de 1.000 estudantes de FP de toda Galicia que visitarán o evento o luns.

Da provincia de Pontevedra están confirmados 21 expositores, dous deles da Boa Vila.

⚙ Configurar cookies
0.60192513465881