O Teatro Principal de Ourense acollerá a entrega dos premios ao mérito deportivo a 99 deportistas galegos

A Xunta de Galicia entregará o vindeiro mércores, 26 de marzo, as distincións ao mérito deportivo de Galicia correspondentes ao ano 2024 nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense. O Diario Oficial de Galicia publicará o 24 de marzo a relación das 99 persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos que recibirán nesta ocasión a máxima condecoración do deporte a nivel autonómico.
Máis de medio milleiro de recoñecidos
A entrega das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia reactivouse en 2022 tras os anos de pandemia cunha gala celebrada en Santiago de Compostela na que se entregaron 106 condecoracións. O ano pasado foron 109 as entregadas, neste caso en Ferrol. En total as persoas e entidades recoñecidas xa suman máis de medio milleiro.
Estas distincións foron creadas en 2010 e son concedidas anualmente logo de proposta motivada do xurado cualificador, en recoñecemento do labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos que estean contribuíndo ou contribuísen ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física da comunidade autónoma de Galicia.