O Tribunal Supremo avala a autorización do parque eólico Bustelo e cuestiona a tese da “fragmentación” de proxectos

A sentenza estima os recursos de Xunta, Greenalia e a Asociación Eólica de Galicia e marca criterio sobre a avaliación ambiental dos parques eólicos
Adega-eolica-non-Bustelo
30 May 2026

O Tribunal Supremo notificou á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) o fallo no que estima os recursos de casación presentados pola Xunta de Galicia, a empresa promotora Greenalia e a Asociación Eólica de Galicia contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba a autorización do parque eólico de Bustelo.

Este proxecto fora impugnado por ADEGA e pola Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) ante a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, ao considerar que existían deficiencias na avaliación ambiental e unha posible fragmentación artificiosa de varios parques vinculados (Campelo, Bustelo e Monte Toural), promovidos por Greenalia Wind Power SLU nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo.

Desde ADEGA e a PDCC expresaron o seu malestar polo feito de que o Supremo non aceptase o escrito de oposición presentado polas dúas entidades fronte aos recursos de casación, lembrando que a resolución xa era previsible desde hai máis dun ano tras a sentenza relativa ao proxecto de Campelo, ao tratarse —segundo sinalan— de motivos idénticos e cuestións de interese casacional similares.

O Alto Tribunal reproduce agora o criterio xa establecido na súa sentenza do 21 de marzo de 2025 sobre o parque de Campelo, na que rexeitaba os argumentos do TSXG sobre a existencia de fragmentación artificiosa. Nesa liña, o Supremo sinala que o feito de que varios proxectos compartan infraestruturas de conexión non implica necesariamente que deban considerarse un único proxecto a efectos da avaliación ambiental.

O fallo tamén matiza que a posible existencia de fraude de lei debe acreditarse sobre a base da avaliación ambiental realizada, que no caso analizado foi de carácter ordinario e incluíu estudos de efectos acumulativos e sinérxicos, cuxa suficiencia non foi examinada en profundidade.

Deste xeito, o Tribunal Supremo conclúe que a análise sobre unha posible fragmentación fraudulenta debe apoiarse, fundamentalmente, na calidade e suficiencia das avaliacións de impacto ambiental, e non unicamente na relación entre os distintos proxectos eólicos.

Así mesmo, o Alto Tribunal subliña que cada actuación administrativa deberá ser avaliada de forma individualizada, caso por caso.

Pola súa banda, ADEGA insiste en que esta sentenza non avala de maneira xeral o proceder da Xunta de Galicia na tramitación dos parques eólicos, senón que reprocha ao TSXG non ter fundamentado axeitadamente as deficiencias na avaliación ambiental que levarían a falar de fragmentación irregular. A entidade ecoloxista nega que o fallo supoña unha validación global das autorizacións eólicas nin o “desbloqueo” do sector ao que alude o Executivo galego.

ADEGA lembra ademais que continúa recorrendo numerosas autorizacións eólicas pendentes de resolución, nas que cuestiona a suficiencia das avaliacións ambientais e das declaracións de impacto. Á luz desta nova doutrina do Supremo, será agora o TSXG quen deberá retomar os procedementos e determinar a validez ou invalidez de cada avaliación, así como a posible existencia de fragmentación ilegal nos proxectos que aínda están en litixio.

0.39329195022583