O Trofeo Concello de Vilalba enfrontará o CD Lugo e o Deportivo da Coruña o vindeiro 29 de xullo

O Concello de Vilalba acolleu a presentación oficial do Trofeo Concello de Vilalba, que se disputará o vindeiro 29 de xullo, ás 19.30 horas, no Estadio Municipal A Magdalena. O encontro enfrontará ao Club Deportivo Lugo e ao Real Club Deportivo da Coruña nun dos partidos de preparación de ambos os equipos antes do inicio da nova tempada.
No acto participaron o presidente da Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón (APSX Sagrado Corazón), entidade organizadora do evento, Óscar Engroba; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; o representante do CD Lugo, Javi Recio; e un membro do Consello do Real Club Deportivo da Coruña.
Durante a presentación destacouse a relevancia deste partido para o municipio, que volverá converterse en escenario dun duelo entre dous históricos do fútbol galego e reunirá afeccionados de ambos os clubs chegados desde diferentes puntos de Galicia.
Desde o Concello subliñaron que a organización deste tipo de citas forma parte da estratexia do Goberno local para dinamizar a vila mediante a celebración de eventos deportivos, culturais e de lecer que contribúan a atraer visitantes e a xerar actividade económica. O executivo considera que iniciativas como o Trofeo Concello de Vilalba non só amplían a oferta de actividades para a veciñanza, senón que tamén reforzan a proxección exterior do municipio e consolidan a súa posición como sede de eventos ao longo de todo o ano.
A alcaldesa, Marta Rouco, asegurou que "queremos seguir facendo de Vilalba un lugar no que pasen cousas, unha vila dinámica e activa, capaz de atraer eventos e visitantes durante todo o ano". Ademais, destacou que "cada actividade destas características supón tamén unha oportunidade para a hostalaría, para o comercio e para a economía local, ademais de contribuír a proxectar a imaxe de Vilalba máis aló das nosas fronteiras".
A rexedora engadiu que "o deporte é unha extraordinaria ferramenta de dinamización social e económica e este encontro entre o Deportivo e o Lugo encaixa perfectamente no modelo de vila polo que estamos apostando: unha Vilalba viva, con actividade e con capacidade para acoller eventos de referencia".
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Paula Vigo, incidiu na importancia de seguir ampliando a oferta deportiva do municipio e de aproveitar instalacións como o Estadio Municipal A Magdalena para acoller competicións de primeiro nivel que complementen a intensa actividade deportiva que se desenvolve ao longo do ano en Vilalba.
Tras o encontro fronte ao RC Deportivo, o CD Lugo continuará a súa preparación de cara ao inicio da competición oficial cun calendario de amigables que o levará a medirse ao RC Celta Fortuna o 25 de xullo, ás 19.00 horas, no Municipal de Pol. O 1 de agosto, tamén ás 19.00 horas, volverá xogar no campo de Pol fronte ao RC Deportivo Fabril, mentres que o 8 de agosto disputará o III Trofeo Feiraco ante o Real Oviedo Vetusta, ás 18.30 horas, no estadio Pepe Barrera de Ribadeo. A pretempada continuará o 12 de agosto coa visita ao Bergantiños FC, nun encontro previsto para as 19.30 horas no estadio As Eiroas de Carballo. Tres días despois, o 15 de agosto, o conxunto albivermello enfrontarase ao Coruxo FC no XXXVII Trofeo Vila de Foz, que se disputará ás 18.00 horas no estadio Martínez Otero, antes de pechar a preparación o 21 de agosto cun amigable fronte ao Ourense CF no Anxo Carro, con horario aínda por confirmar.