O Trofeo Emma Cuervo presenta unha nova edición con dobre cita de fútbol en Ribadeo

O Pepe Barrera acollerá os enfrontamentos entre Deportivo e Sporting no torneo feminino e Racing de Ferrol e Real Avilés Industrial no masculino
futbol-balon-pelota-zapatilla
6 Aug 2026

O Concello de Ribadeo acolleu este martes a presentación oficial dos trofeos do Emma Cuervo Masculino e Feminino, unha cita que serviu para dar a coñecer os detalles das dúas competicións que volverán converter o estadio municipal Pepe Barrera nun dos escenarios futbolísticos destacados do verán.

No acto participaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; o concelleiro de Deportes, Francisco Silvent; a concelleira de Facenda, Cultura, Educación e Igualdade, Begoña Sanjurjo; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; e o presidente do Ribadeo FC, Valentín Coto.

A primeira das citas será o venres 7 de agosto, cando se dispute a VI edición do Trofeo Emma Cuervo Feminino. O encontro comezará ás 19.00 horas e enfrontará ao Real Club Deportivo da Coruña e ao Real Sporting de Gijón, nun duelo entre dous conxuntos de referencia do fútbol feminino.

A continuación será a quenda do torneo masculino, que celebrará a súa LXX edición o xoves 13 de agosto, tamén ás 19.00 horas. Nesta ocasión, o Pepe Barrera recibirá o partido entre o Racing Club de Ferrol e o Real Avilés Industrial, dous equipos chamados a protagonizar un dos clásicos amigables da pretempada.

As entradas para ambos os encontros poderán adquirirse o mesmo día de cada partido na billeteira do campo. No torneo feminino, os prezos serán de 10 euros para maiores de 15 anos, 5 euros para nenos e nenas de entre 8 e 15 anos e acceso gratuíto para menores de 8 anos. No caso do torneo masculino, a entrada xeral terá un custo de 15 euros, mentres que o prezo infantil manterase en 5 euros, con acceso gratuíto ata os 7 anos.

0.32589101791382