O virus sincitial increméntase ata o 10 % da taxa de positividade

O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a taxa de positividade e xa é do 9,8 % na semana 3 do ano (do 12 ao 18 de xaneiro), cando a semana anterior era do 8 %, segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade.
Nesta última semana, obsérvase un incremento na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos. En concreto, o incremento foi do 5 % no grupo de nacidos entre abril e setembro de 2025. Para o global de menores de dous anos a taxa aumentou un 20,4 % con respecto á semana previa.
En canto a hospitalizacións, rexistrouse un ingreso na última semana no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e ningunha hospitalización dun lactante menor de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS.
Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 93,2 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 94,9 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.
Sobre ingresos hospitalarios de nenas e nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana producíronse 4 ingresos entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e 2 ingresos no grupo de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.
En adultos, na segunda semana do ano rexistráronse 35 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 25 correspóndense a maiores de 80.