O voto en contra do PP tomba a Proposición de Lei do BNG para reducir a xornada laboral a 35 horas semanais

O Congreso rexeitou a toma en consideración da proposta do BNG para establecer a xornada máxima legal en 35 horas semanais sen redución salarial. Néstor Rego lamenta que “a dereita volva situarse do lado da patronal e contra os dereitos da clase traballadora”.
Nestor Rego
15 Oct 2025

O Pleno do Congreso rexeitou a toma en consideración da Proposición de Lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para fixar a xornada laboral máxima legal en 35 horas semanais, sen redución salarial. A iniciativa contou co voto en contra do Partido Popular, que impediu a súa tramitación, e co apoio de 165 deputadas e deputados.

O deputado do BNG, Néstor Rego, lamentou o resultado da votación e criticou que “a dereita ultra e a ultradereita volvan actuar como voceiros da patronal, bloqueando unha medida de xustiza social que melloraría as condicións de vida e laborais de millóns de traballadoras e traballadores”.

“O PP demostra, máis unha vez, que está do lado dos intereses empresariais e non das maiorías sociais. O BNG seguirá defendendo a redución da xornada laboral porque é unha medida transformadora, beneficiosa e perfectamente posíbel”, afirmou Rego.

Unha medida social, laboral e económica necesaria

A proposta do BNG tiña como obxectivo reducir a xornada máxima legal das actuais 40 horas a 35 semanais, marcando tamén o horizonte das 32 horas e catro días laborábeis, seguindo o exemplo doutros países europeos como Francia.

Segundo explicou o deputado nacionalista, a medida respondía a catro obxectivos principais: mellorar as condicións de vida e laborais da clase traballadora, facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, repartir o traballo e favorecer a incorporación ao emprego, especialmente da mocidade, e mellorar a saúde laboral reducindo o gasto público derivado do estrés e dos riscos psicosociais.

“Traballar máis non é producir máis. A experiencia demostra que reducir a xornada aumenta a produtividade, a saúde e o benestar”, subliñou Rego.

Galiza entre as xornadas máis longas da UE

O deputado destacou que en Galiza máis de 534.000 persoas traballan máis de 40 horas semanais, e preto de 100.000 superan as 50, segundo datos da EPA. A xornada media anual é de 1.757 horas, moi por riba das 1.341 de Alemaña ou das 1.478 de Francia.

“Traballamos máis e cobramos menos: esta realidade non é sostíbel nin social nin economicamente”, advertiu o representante do BNG.

Rexistro horario e protección fronte á flexibilidade abusiva

A iniciativa incorporaba tamén melloras no rexistro horario e na ordenación da xornada, limitando a distribución irregular do tempo de traballo e garantindo o control sindical dos horarios.

“Queremos acabar coa flexibilidade imposta polas reformas laborais, que permite ás empresas ampliar xornadas e dificultar a conciliación”, explicou Rego.

“Seguiremos insistindo até conseguilo”

O deputado nacionalista asegurou que, a pesar do rexeitamento da dereita, o BNG persistirá na defensa desta proposta: “Esta é unha iniciativa en positivo, que beneficia á clase traballadora galega e do conxunto dos pobos do Estado. Se hoxe non sae adiante, persistiremos até conseguilo”, concluíu Néstor Rego.

⚙ Configurar cookies
0.2403450012207