O Xulgado de Ferrol arquiva a causa por agresión sexual contra o exconselleiro Alfonso Villares

O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol acordou o arquivo da causa aberta por unha presunta agresión sexual contra Alfonso Villares, exconselleiro do Mar da Xunta de Galicia. A maxistrada considera concluídas as dilixencias de investigación e resolve que non procede o procesamento do exresponsable autonómico polos feitos denunciados.
A decisión xudicial non é firme, xa que o procedemento foi elevado á Audiencia Provincial da Coruña, que será a encargada de determinar se ratifica ou revoga o arquivo acordado polo xulgado ferrolán. A causa iniciárase tras a denuncia presentada pola presentadora de televisión Paloma Lago a finais do ano 2024, por uns feitos que, segundo a denuncia, terían ocorrido no seu domicilio.
O procedemento tivo un importante impacto político e mediático, xa que Alfonso Villares ocupaba daquela a carteira de Mar no Goberno galego presidido por Alfonso Rueda. O exconselleiro presentou a súa dimisión o 4 de xuño de 2025, despois de que o TSXG lle notificase formalmente que estaba a ser investigado nun proceso xudicial que, segundo el mesmo manifestou, afectaba á súa “esfera persoal”.
A súa saída do Executivo produciuse nunha comparecencia urxente en San Caetano, na que estivo acompañado por membros do seu equipo e altos cargos da Xunta, que o arrouparon publicamente. Ese mesmo día, fontes do Goberno galego confirmaron por primeira vez que Villares estaba inmerso nunha denuncia por un presunto delito contra a liberdade sexual.
Tras a súa dimisión e ao perder o aforamento como conselleiro, o caso pasou ao Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol. Seis meses despois, a xuíza decidiu dar por finalizada a investigación sen procesar ao exdirixente popular, aínda que a última palabra queda agora en mans da Audiencia Provincial.