O XV Festival Kerouac inunda Vigo de poesía

Baixo o lema “A poesía é un faro”, Vigo acolle desde este mércores ata o sábado 18 de outubro unha nova edición do Festival Kerouac, que celebra quince anos consolidado como un dos encontros poéticos e artísticos máis relevantes da Península.
O alcalde, Abel Caballero, participou na presentación do festival xunto a Marcos de la Fuente, poeta e director do evento; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura, e María Lago, concelleira de Turismo. Caballero destacou que o Kerouac é “unha experiencia extraordinaria e un festival irrenunciable para Vigo”.
Para o seu director, Marcos de la Fuente, o Kerouac converte a cidade durante catro días nun espazo poético: “A poesía é un valor, fai medrar a cidade, pode traer xente a ela e o festival conecta Nova York con Vigo”. O poeta lembrou que tamén se celebra na cidade estadounidense, onde residen varios dos creadores da organización, e que o evento “tende unha ponte que cruza o Atlántico e trae e leva poetas”.
O festival, que cumpre quince anos promovendo a cultura e a poesía contemporánea, ofrece un programa que combina palabra, música, imaxe e tecnoloxía.
Programa destacado
Mércores 15 de outubro – Auditorio do Concello (19:30h)
A apertura oficial inclúe a presentación do proxecto El Poeta vs La Máquina, un libro expandido construído en Nova York por catro creadores vigueses —Ismael Faro, Mariel Martínez, Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente— e editado por Editorial Elvira. A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre IA e creatividade coa participación de Marcos Mosquera (Galicia Artificial), Dani Rivera (Nauta Estudio), Xabier Romero (Editorial Elvira) e o propio Marcos de la Fuente.
Xoves 16 de outubro – Multicines Norte (19:30h)
Proxección do documental “Sal and Dean: tras los pasos de Kerouac”, unha road movie que percorre os Estados Unidos inspirada na Xeración Beat. Ao remate haberá unha charla coa directora Rosa García e o produtor Jordi Carbonell.
Venres 17 de outubro – Marquesiña do Corte Inglés (19:30h)
Unha xornada centrada na diversidade de estilos e voces coa participación de Malvares, Verdeoir (Noelia Gómez e Rui Granha), Najla Shami e Nueva Tragedia, proxecto de Miguel Marcos (Le Voyeur) con Pablo Valero, Raquel Lamas, Jesús Arroyo e Pablo E. Fernández.
Sábado 18 de outubro – Museo MARCO (19:30h)
A xornada central contará coa presentación de La Sole & El Hombre Viento, Olalla Cociña, Annalisa Marí Pegrum e o proxecto multimedia MOLOTOV, de Alberto Avendaño & Manolo Romón. Todas as actuacións mesturan poesía, performance e linguaxes contemporáneas, reivindicando o poder da palabra como ferramenta de transformación artística e social.
O Festival Kerouac celebra así os seus quince anos reafirmando o seu papel como plataforma de creación e intercambio poético entre Vigo e o mundo.