O XXV Congreso de xogadores de azar reúne a expertos, afectados e familias en Vigo

Durante tres xornadas, Vigo convértese no escenario de debate e reflexión sobre a adicción ao xogo co XXV Congreso FEJAR 2025, que se celebra baixo o lema “Remando cara a rehabilitación” e reúne a máis de 300 persoas inscritas de once comunidades autónomas.
Na presentación, a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, destacou que as xornadas tratarán non só a ludopatía senón tamén outras adiccións sen substancia que preocupan ás administracións, como os videoxogos, as apostas en liña ou a pornografía en rede. “Comezan a idades moi temperás, polo que debemos reenfocar a prevención e a abordaxe destas adiccións, que se producen cada vez máis en soidade”, sinalou. Lembrou, ademais, que o Concello está a elaborar o IV Plan de Loita e Prevención de Adiccións con substancia e sen substancia.
Pola súa parte, Juan Lamas, director terapéutico de Agaja e coordinador do congreso, agradeceu a implicación do Concello e explicou que a soidade, a prevención, o testemuño de persoas afectadas e das súas familias, a presenza do nutricionista Pablo Ojea e a experiencia de profesionais serán os eixos do encontro. Lamas advertiu que máis do 20 % dos estudantes galegos de entre 14 e 18 anos recoñecen xogar a xogos de azar, a pesar de ser ilegal, e que outro tanto das familias admite facilitar cartos aos fillos para realizar apostas deportivas.
Finalmente, Gerardo Rodríguez, secretario da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados, apelou ao lema “Remando cara a rehabilitación”, subliñando a importancia de que o camiño de recuperación “non se faga en soidade”.