“Oblea achégase ao folk horror e suspense gótico, sen abandonar o contexto histórico”

O pontés X.M. Ferro Formoso promociona esta tempada a novela que dá continuidade a ‘Terror Mortis’
xm-formoso-escritor
28 Jun 2026

Fálenos un pouco de ‘Oblea’? Entendémola como unha continuación de ‘Terror Mortis’?

Oblea é unha novela de intriga histórica ambientada novamente na Galicia de finais do século XIX, pero cun ton algo máis escuro e simbólico ca Terror Mortis. Volven aparecer o doutor Alfonso Neira Lafontaine e o subtenente Anselmo Piñeiro, mais a historia pode lerse perfectamente de maneira independente. Hai referencias e continuidade narrativa, pero tamén unha nova investigación, novos personaxes e unha atmosfera diferente. Nesta ocasión a trama mergúllase máis no mundo das lendas, das supersticións e dos segredos familiares.

Haberá paisaxes e personaxes coñecidas?

Nesta ocasión a trama desenvólvese en diferentes lugares das Fragas do Eume e da comarca eumesa. O río Eume ten un peso moi importante na novela, facendo de fío condutor simbólico. Tamén reaparecen personaxes xa coñecidos polos lectores de Terror Mortis, como Lafontaine, Piñeiro ou Clara, pero evolucionados, cunha relación máis profunda e complexa entre eles.

Que parecidos ou diferenzas se atopan coa precedente?

As dúas novelas comparten a mestura de investigación criminal, documentación histórica e imaxinario galego. A diferenza principal é que Oblea ten un ritmo máis pausado e atmosférico, máis centrado na tensión psicolóxica e no misterio ancestral. Se Terror Mortis era máis unha novela de investigación forense clásica, Oblea achégase por momentos ao folk horror e ao suspense gótico, sen abandonar nunca o contexto histórico galego.

Canto tardou en escribila?

A novela escribina fundamentalmente durante o verán do ano pasado, aínda que en realidade non parei de escribir dende que rematei Terror Mortis. Dalgunha maneira, unha novela levoume á outra de forma bastante natural. Ademais da propia escritura, houbo tamén un importante traballo de documentación histórica, lectura e visitas aos lugares que aparecen na historia. Gústame moito construír escenarios reais e intentar que o lector sinta que está camiñando por eses espazos.

Polo de agora onde foi presentada e cal será o seguinte paso?

A novela foi presentada en espazos moi especiais e moi vinculados emocionalmente ao meu traballo como documentalista e técnico en xestión do patrimonio cultural, como o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, o Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes ou a Biblioteca Municipal Rivera Rouco. O seguinte paso é continuar facendo presentacións, intentando levar a novela fóra do ámbito local e seguir ampliando lectores.

Xa estamos pensando na seguinte?

Si. Xa estou traballando en novos proxectos. Algúns continúan o universo de Lafontaine e Piñeiro e outros exploran rexistros distintos, pero sempre mantendo ese interese pola historia, a memoria, o misterio e a paisaxe galega.

Como e por que deu o paso para escribir?

Levo escribindo practicamente toda a vida, aínda que durante moitos anos escribín sobre todo informes, artigos, proxectos ou textos relacionados co patrimonio cultural. A narrativa sempre estaba aí, e finalmente decidinme a dar o paso definitivo. Supoño que chegou un momento no que sentín a necesidade de converter todas esas historias, lendas, lugares e obsesións persoais en literatura.

Que é o que máis lle gusta e o que menos da súa faceta de escritor?

O que máis me gusta probablemente sexa todo o proceso previo á propia escritura: a documentación, a investigación histórica e a construción do guión. Gústame moito mergullarme nos lugares, nas lendas, nos documentos e ir armando pouco a pouco a arquitectura da historia antes de comezar a escribila. Tamén desfruto especialmente dos clubs de lectura, porque me permiten conectar cos lectores despois de teren lido a novela. Iso abre unha dimensión completamente nova, xa que escoitar as súas interpretacións, reaccións ou teorías axúdame tamén a seguir construíndo novas historias e a traballar na evolución dos personaxes. O que menos, seguramente, é a parte máis mecánica do proceso, como as correccións e a edición. E as presentacións non é que non me gusten, pero ás veces síntome un pouco limitado porque non podo falar libremente de determinados aspectos da novela para non facer spoilers… (ri).

Como se definiría como escritor?

Creo que son un escritor moi vinculado ao territorio, á memoria e á atmosfera. Interésame moito a idea de utilizar Galicia non só como escenario, senón case como un personaxe máis. Tamén intento combinar o rigor documental coa intriga e coa emoción narrativa.

Dedícase á escritura plenamente ou combina cun apartado laboral diferente?

Compaxino a escritura coa miña actividade profesional vinculada á documentación, á xestión cultural e ao patrimonio. En realidade, ambos mundos aliméntanse mutuamente, porque moitas das historias, espazos ou temas sobre os que escribo nacen precisamente dese contacto constante coa memoria e co patrimonio cultural galego.

Escribe baixo o pseudónimo. Por que ese nome, ten algún significado?

Si. Asino X M Ferro Formoso, un pseudónimo construído desde os apelidos das miñas avoas. Era unha maneira de renderlles homenaxe e tamén de crear unha identidade literaria propia moi ligada ás miñas raíces familiares e ao territorio do que procedo.

0.2958779335022