Olga Iglesias Fontal, alcaldesa de Triacastela: “Queremos atraer novos veciños e asentar poboación”

A rexedora pon en valor o traballo desenvolvido e marca tres cuestións pendentes nas que traballar na próxima lexislatura
Olga-Iglesias-Fontal-Alcadesa-de-Triacastela
7 Jun 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Os meus pais foron concelleiros do Partido Popular, polo que desde pequena estiven vinculada a este partido. A verdade é que, cando decidín dar o salto á política, seguía a sentirme plenamente identificada cos seus valores.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Primeiro centreime na miña formación, conseguín un traballo e aprobei unhas oposicións. Despois decidín dar o paso e dedicarme á política, unha vez cumpridos unha serie de obxectivos, porque na miña casa sempre se considerou que o importante era ter un traballo propio e saber defenderse por un mesmo, e que a política debía vir despois. No ano 1999, cando entrou a gobernar o PSOE, o Partido Popular comezou a buscar candidatos e así xurdiu a miña incorporación á vida política. A partir de aí fun dando pasos dentro da organización ata chegar á Alcaldía no ano 2011.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Triacastela é un concello pequeno, onde todos nos coñecemos. Non falaría de sacrificios no sentido estrito, porque os sacrificios persoais, neste contexto, convértense máis ben en satisfacción, ao tratarse de veciños e amigos aos que coñeces desde que naces. Si é certo que, en ocasións, esta dedicación resta tempo á familia e non conta cunha retribución económica como noutros concellos. No equipo de goberno de Triacastela, todos contamos con outro tipo de traballo, polo que non dependemos da política. Facémolo, sobre todo, por vocación de servizo público e polo compromiso coa veciñanza.

E beneficios?

Os beneficios son poder desenvolver un proxecto de goberno ao longo do tempo do que un se poida sentir orgulloso e, ao mesmo tempo, que tamén os veciños e veciñas poidan sentirse satisfeitos co resultado.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Non hai moita diferenza. O certo é que cando entrei como alcaldesa xa tiña un fillo pequeno e, sendo alcaldesa, tiven outra. Iso ás veces, sobre todo con nenos pequenos, complica un pouco a organización do día a día. Pero se se conta con axuda e apoio familiar, e iso é moi importante para poder compaxinar todo.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Antes de ser alcaldesa, fun deputada nacional do Partido Popular de Madrid durante dúas lexislaturas, no Congreso dos Deputados, unha etapa que considero moi importante. De feito, conseguín a Alcaldía estando en Madrid, mentres exercía no Congreso. Na Deputación tiven a opción de incorporarme, pero finalmente decidín manter o meu traballo na Xunta de Galicia como directora territorial de Medio Rural na provincia de Lugo. A verdade é que, sendo sincera, non me marco metas concretas. Se teño que asumir algún cargo máis, chegará no seu momento. En calquera caso, o maior orgullo para calquera persoa á que lle guste a política municipal é ser alcaldesa do seu propio concello. Tamén, fun presidenta da Mancomunidade de Concellos Rurais do Camiño Francés e agora entrarei na directiva da Asociación de Municipios do Camiño Francés a nivel de toda España. Para min isto é moi importante, porque en Triacastela o Camiño de Santiago é fundamental, un eixo clave da súa economía e do futuro e benestar da veciñanza.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Temos tres cuestións pendentes que me gustaría poder conseguir nesta próxima lexislatura, aínda que non dependen unicamente da nosa vontade. En primeiro lugar, a aprobación do Plan Básico Municipal e, en segundo, o Plan Especial de Solo Industrial. Neste caso, a tramitación depende tamén de informes favorables de distintos organismos sectoriais. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil foi unha das administracións que máis atrasou o avance destes plans. O obxectivo é poder aprobar ambos documentos, xa que iso permitiría definir con claridade onde se pode construír e onde non, ademais de poñer en disposición arredor de 10.000 metros cadrados de solo industrial, considerados fundamentais para a creación de emprego no concello. A terceira actuación sería a creación dun centro de interpretación de Cova Eirós en Triacastela. Trátase dun proxecto que xa fora valorado con anterioridade, pero para o que non se dispoñía dun inmoble axeitado. Na actualidade, ese espazo xa existe, aínda que sería necesario acondicionalo. Neste sentido, recoñécese que, ao tratarse dun concello con poucos recursos, sería preciso contar con apoio externo para poder levalo a cabo.

Cales son as principais liñas do seu programa?

As principais liñas do meu programa céntranse na mellora das infraestruturas viarias, das traídas de auga e do saneamento, así como nos asuntos sociais, procurando estar ao lado da veciñanza cando precisa atención en materia de dependencia. Outro dos obxectivos é ofrecer instrumentos de conciliación ás familias con fillos, co fin de favorecer que poidan quedar no concello, escolarizar aquí aos seus fillos e garantir a continuidade do colexio. É fundamental manter vivo o centro educativo, algo que non sempre é sinxelo nos concellos pequenos como Triacastela, pero que se facilita cando existe un bo equipo e unha boa coordinación co ámbito educativo. Actualmente contamos con dúas casas niño, un colexio e un programa de corresponsables durante o verán, e traballamos en contacto constante coa ANPA e co propio centro para seguir mellorando estes servizos. Outra das liñas prioritarias é o Camiño de Santiago, xa que o obxectivo é seguir traballando para situar Triacastela no mapa e reforzar a súa presenza dentro do itinerario xacobeo. Xa no Códice Calixtino, Triacastela aparece como final da undécima etapa entre Villafranca do Bierzo e este municipio, polo que é necesario promover que os peregrinos non se limiten a percorrer só os últimos 100 quilómetros, xa que estarían perdendo unha das partes máis auténticas e destacadas do Camiño, tanto en Galicia como no conxunto de España.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Necesitamos asentar poboación no municipio e tamén atraer novos veciños e veciñas. Existe un problema importante relacionado coa vivenda, xa que hai inmobles que non están habitados e outros que non se atopan en condicións de selo. Tamén hai reticencias por parte dalgúns propietarios, que non queren poñer as vivendas en alugueiro. Isto está condicionado pola inseguridade xurídica existente no actual marco normativo, o que dificulta a posta no mercado destes inmobles. Tamén é necesario apostar pola rehabilitación de vivendas xa existentes e mesmo pola construción de novas.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Do que me sinto máis orgullosa é do día a día, de manter a rede viaria do noso concello en boas condicións. Con moitos sacrificios, pero manténdoa en bo estado. E cando falo de rede viaria non me refiro só ás pistas e estradas que comunican os pobos, senón tamén a aquelas pistas que van cara ás zonas de pastos e de gandería, porque hai un número importante de explotacións con moitos animais. Todos os anos investimos en arranxar algunha pista que non vai a un núcleo de poboación, senón cara aos campos de cultivo e aos prados, porque é algo que nos demandan e que é importante para que os nosos gandeiros poidan desenvolver mellor o seu traballo. Gustaríame destacar tamén que unha das cousas que conseguimos é que, a partir de xaneiro de 2026, contamos cunha traballadora social a xornada completa en Triacastela, os cinco días da semana. Isto permítenos implantar programas e facer moitas máis actuacións que antes non eran posibles, xa que só estaba tres días á semana. Tamén puxemos en marcha melloras arredor do Camiño de Santiago, aínda que considero que aínda queda moito por facer.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Unha veciña próxima, sensible ás súas necesidades e ás súas inquedanzas.

Como é a súa relación coa oposición?

Cordial.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

55 anos, casada e dous fillos

-Profesión e formación

Doutora e veterinaria e Directora Territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Encantaríame traballar nun museo

-Que quería ser de maior

Sempre quixen ser algo relacionado coa Bioloxía

-Que fai para desconectar?

Gústame ver películas e series curtas

-Unha virtude e un defecto

Son unha persoa constante, pero quizais quero facer demasiadas cousas á vez

-Un consello para compartir

Fai o ben e non mires a quen

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

Hai dous libros que promovemos desde o Concello: ‘Triacastela refuxio real’ e ‘Oribio a montaña viva’; gústame a Novela histórica; de películas, a comedia romántica; e Baiuca ou Rosalía

-Unha afección

Gústame visitar museos

-Un lugar que visitar

Xerusalén, Roma, Santiago e O Cebreiro

-Unha comida e unha bebida

Queixo e viño tinto

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Marie Curie, muller e investigadora

-Unha posesión preciada

A miña casa

-Un desexo

Ter saúde

-Algo para esquecer

De todo se aprende

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A nobreza e a honestidade

-Un desafío pendente.

Facer o Camiño desde Roncesvalles

-Onde se ve en cinco anos?

Coidando unha horta propia.

0.38194489479065