Opinión: A Santiago cos amigos do Museo da Cidade de Ferrol

Por Julia Mª Dopico Vale y Piñeiro
A Asociación Amigos do Museo da Cidade de Ferrol ten previsto organizar unha viaxe a Santiago de Compostela o próximo xoves 11 de xuño para visitar dous lugares de referencia da nosa cultura: o Museo do Pobo Galego, asociación constituída en Compostela para investigar, conservar e divulgar a nosa cultura, situado no convento de San Domingos de Bonaval, creado —segundo a tradición— por un sacerdote de Burgos de orixe nobre que, baixo a aprobación do papa Honorio III, daría lugar, entre outras cousas, á orde dos dominicos, relacionada directamente coa fundación das históricas universidades de Boloña e París; e a visita a outro lugar emblemático: o Museo das Peregrinacións, coñecido como a “Casa Gótica”, situado na praza das Praterías, chamada polos románticos “Porta ao Paraíso”, un espazo que ofrece a visión do nacemento e evolución da cidade de Santiago como centro principal de peregrinación xunto a Xerusalén e Roma, seguindo o relato que conta que un ermitán chamado Paio, guiado por unhas luces nun campo estrelado, recoñeceu a reliquia de Santiago o Maior, discípulo de Cristo e primeiro mártir entre os apóstolos, condenado a morte por Herodes Agripa e traído en barco ata as costas galegas, sendo o rei Afonso II de Asturias, o “Casto”, quen estableceu o centro de peregrinación cando a España cristiá loitaba contra a ocupación musulmá, atopando na figura de Santiago un símbolo de unidade e conquista.
A saída do “Porto do Sol”, do Ferrolium ou do Portus Magnus Artabrorum —o gran porto dos Ártabros— está prevista para as 9.00 horas desde a oficina de Correos, fronte ao emblemático Teatro Jofre. Tras a chegada a Compostela realizaranse as visitas aos museos, con tempo libre —e Santiago ten moito que ver—. Ás 14.00 haberá buffet no Hotel Compostela, outro lugar histórico, e posteriormente novas visitas culturais antes do regreso.
As inscricións —enténdese que para socios— permanecerán abertas ata este domingo día 31. A actividade está aberta a todas as persoas interesadas en coñecer e afondar na nosa historia e na nosa cultura.