Opinión: Os Mariñeiros son canción

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
Esta semana imos ata Viveiro, a cidade do Landro, onde Os Catro Vellos Mariñeiros foron protagonistas do concerto-homenaxe ao mar e a Galicia a través da canción que nos fai vibrar e coa que todos nos identificamos.
Todo grazas á iniciativa da asociación cultural que leva este mesmo nome, concibida, precisamente, para a realización de actos culturais arredor da melodía que, malia o paso dos anos —e xa van oitenta—, permanece viva na memoria colectiva, transmitida polo pobo de xeración en xeración, ata chegar a pensarse que se trata dunha canción popular —e éo, porque o pobo a fai súa—, aínda que, en realidade, ten a súa propia historia e os seus propios protagonistas.
Son José Travieso Quelle, o autor que a creou desde Santiago de Compostela lembrando os homes do mar que poboaron as súas vivencias infantís, como o seu avó, José Antonio Travieso Rodríguez, “Tortán”; José Escourido Casal, “Llana”, dono do bote San José, a embarcación que serviu de “estudo” para xestala e, polo tanto, imprescindible para que esta exista; Gumersindo Cocina Gregorio, gabarrero que percorría o río Landro e que descargou o Cristo do Santo Enterro para levalo á xoia románica que é a igrexa de Santa María do Campo, a máis antiga da cidade; e Francisco Otero López, que faenaba no Dominga e vendía a súa pesca na Praza de Abastos anunciando: “¡Traigo sardiña e bocarte! ¡Traigo chicharro pequeño!”, frases que se integran no texto.
Eles, cantando as súas vidas cotiás, crearon unha das cancións máis importantes do patrimonio musical galego, deixando fiel testemuño do noso vínculo cos mares, como un día fixo José de Espronceda coa súa Canción del pirata, exaltando a liberdade cos versos: “No corta el mar, sino vuela / un velero bergantín: Bajel pirata que llaman / por su bravura el Temido / de todo el mar conocido / del uno al otro confín…”.
O mar, a mar. Motivo eterno de inspiración, tamén para Os Vellos Mariñeiros que latexan nos nosos corazóns.