Opinión: XIV Encontros de Corais

A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
24 May 2026

Por Julia Mª Dopico Vale y Piñeiro

Este sábado, día 23, no fermoso enclave de Sobrado dos Monxes e na Igrexa Parroquial de San Pedro da Porta, o pequeno templo situado á esquerda do histórico Mosteiro cisterciense de Santa María —antes San Salvador—, refuxio de peregrinos e almas en procura de retiro, tivo lugar o XIV Encontro de Corais organizado pola Coral Polifónica Vía Sacra, rachando o silencio que caracteriza este lugar coa música de tres coros que nos transportaron a outras dimensións harmónicas.

O concerto comezou co Coro Infantil A Maristela de Sobrado, integrado por nenos e nenas que interpretaron pezas sinxelas perfectamente adaptadas ás súas idades como o canon Make tume papa; Kukú ué, de Eva Ugalde; Amarrá malaila, adaptada por Rubén Rada; La Cubanita, con texto de Nicolás Guillén, o Poeta Nacional de Cuba, e música de Eva Ugalde; e Mis juguetes, de Silvia Furnó. Cancións fundamentalmente africanas e latinoamericanas que nos achegan ao ritmo e ao elemento motor tan próximo ás vidas dos novos cantores que, nun perpetuum mobile, souberon conquistar os nosos corazóns.

Tras eles actuou a Coral Polifónica de Berres —A Estrada— acompañada pola pianista Alba Díaz Taboada, iniciando a súa intervención coa cantiga máis coñecida do “Rei Sabio”, Alfonso X: Santa María, strela do día, nun arranxo dun dos grandes compositores deste país, Federico Mompou, famoso principalmente polas súas obras para piano. Continuaron co Kyrie da Missa Festiva de John Leavitt; Adoramus te, de Emely Crocker; o noso segundo himno —poderiamos dicir— despois de Os Pinos de Pondal e Veiga, a Negra Sombra da nai do Rexurdimento, Rosalía de Castro, e do histórico compositor Juan Montes; para rematar con Convidados esta noite, en adaptación de Mariola Gongar e Ana Pazos da obra do autor Juan García de Zéspedes.

E para concluír o concerto, os anfitrións, a Coral Polifónica Vía Sacra, que interpretou primeiro Rosa do Carballiño, de Rogelio Groba Groba, compositor e “activista musical” galego nacido en Guláns —Ponteareas—, de onde é Fillo Predilecto, harmonizada por Julio Domínguez; O meu amor mariñeiro, canción difundida polo mítico grupo de folk Fuxan os Ventos; o Alalá do Ulla e O Canteiro, con letra de Uxío Davila e música de Xosé Alfredo Oliveira. Melodías fermosísimas estupendamente interpretadas por un numeroso coro conducido por Ana Pazos Pintor, directora que continúa a profesionalidade e a vocación dunha saga familiar de músicos.

Parabéns, pois, a todos: á Asociación A Maristela, ao Concello de Sobrado e a quen fixo posible este fermoso e gratificante evento.

0.36978912353516