Organizan un roteiro para impulsar a recuperación da Torre de Caldaloba

Este próximo sábado, día 11 de setembro, as entidades culturais da Terra Chá levarán a cabo unha nova acción a favor da torre de Caldaloba.
roza publica torre de caldaloba
6 Sep 2021

Este próximo sábado, día 11 de setembro, as entidades culturais da Terra Chá e de concellos lindeiros levarán a cabo unha nova acción reivindicativa para exixir a necesidade urxente de recuperación da torre de Caldaloba ou Vilaxoán, importante ben histórico e patrimonial galego, que se encontra nun estado de absoluto abandono e sen previsión de intervencións que tenten salvala.

As asociacións culturais fan un chamamento para participar nun roteiro circular, de oito quilómetros e de dificultade baixa, que sairá, ás 11 horas, da propia torre de Caldaloba e percorrerá a súa contorna. A camiñada, dinamizada por Orlando Viveiro, estudoso do patrimonio cultural e popular chairego, pasará polas parroquias de Pino (Cospeito) e Xoibán (Vilalba). Logo do roteiro, as persoas participantes, e todas aquelas que se queiran achegar, celebrarán contra as 14 horas e seguindo as medidas sanitarias correspondentes, un xantar (cada persoa terá que traer a súa propia comida) ao pé da propia torre e unha posterior foliada, á que se convida, a quen teña instrumentos, que os traia para facer entre todos os asistentes unha sobremesa festiva e musical.

As entidades participantes son: Castiñeiro Milenario (Begonte), Xotramu (Muimenta), Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz), Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Instituto de Estudios Chairegos (Iescha-Vilalba), Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, Clube Cultural Valle-Inclán (Lugo), Centro Social Madia Leva (Lugo), AC Cultura do País (Lugo), Asociación veciñal de Cabreiros (Xermade), AC Os Vilares. Lareira de Soños (Os Vilares, Guitiriz), Irmandade Manuel María da Terra Chá, Nova Poesía Guitirica (Guitiriz), AC Poeta Avelino Díaz (Meira), AC Lugo Patrimonio (Lugo), Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, AC PolKA (Pol), AC e CS A Chave das Noces (Montecubeiro-Castroverde), AC Chimchiribote (Pol), AC M de Meira (Meira) e Carballo Vivo (Friol).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13487696647644