Os abonados do Dépor decidirán se o club cambia o seu nome oficial

A consulta vinculante está aberta ata o 21 de xuño e permitirá escoller entre manter a denominación actual ou adaptala á toponimia oficial da Coruña
A CORUÑA deportivo ascenso
Imaxe de Carmen Vázquez Gende
17 Jun 2026

Os abonados do RC Deportivo xa poden votar na consulta aberta polo club para decidir sobre a súa denominación oficial. O proceso, de carácter vinculante, permitirá escoller entre manter o nome actual, Real Club Deportivo de La Coruña, ou adaptalo á toponimia oficial da cidade.

A votación comezou este mércores 17 de xuño ás 9.00 horas e permanecerá aberta ata o 21 de xuño ás 18.00 horas. Poderán participar todas as persoas abonadas que teñan 12 anos ou máis no inicio do proceso, cun único voto por abonado.

As dúas opcións son manter a denominación actual ou adoptar o nome Real Club Deportivo de A Coruña en castelán e Real Club Deportivo da Coruña en galego. Esta segunda alternativa tamén suporía a adaptación dos elementos gráficos do club.

O resultado será vinculante. O cambio só se producirá se a opción de modificar a denominación consegue a maioría simple dos votos emitidos. Nese caso, o Dépor iniciará os trámites necesarios para implantar o novo nome de cara á tempada 2026/2027.

A votación pode realizarse na web habilitada polo club, identificándose coa conta do Dépor ou co ID de abono. Unha vez completado o proceso, cada participante recibirá un correo de confirmación. As persoas abonadas maiores de 65 anos ou con diversidade funcional tamén poderán votar chamando ao 981 167 310 ata o venres 19 ás 21.00 horas. Para dúbidas ou incidencias, o club habilitou o correo atencion.deportivista@rcdeportivo.es.

0.30768799781799