Os Centros Socioculturais ofertan 400 prazas gratuítas para actividades infantís no programa "Vive o Verán" en Santiago

A concellaría de Centros Socioculturais, en colaboración co departamento de Medio Rural, lanza unha nova edición do programa "Vive o Verán", que ofrece preto de 400 prazas gratuítas para actividades infantís durante as mañás de xullo en 15 centros da cidade e do rural.
O obxectivo, segundo explicaron os concelleiros Xan Duro e Pilar Lueiro, é proporcionar un tempo de lecer enriquecedor, promovendo valores cívicos e culturais a través de experiencias inmersivas centradas en temáticas como a mitoloxía galega, a ecoloxía ou o cinema.
As actividades realizaranse en horario de 9:00 a 14:30 horas e están dirixidas a crianzas nadas entre 2012 e 2020. O prazo de preinscrición estará aberto desde o luns ata o 1 de xuño. No caso de haber máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público o 11 de xuño. Ademais, as aulas de xogo permanecerán abertas en horario de mañá en varios centros, sen necesidade de inscrición previa.