Os CIM móbiles atenderon a mulleres en máis de 170 concellos do rural

Este recurso tamén realizou unha vintena de visitas a centros universitarios nos seus primeiros cinco meses de funcionamento
CIM MÓBIL
21 Aug 2026

A Xunta atendeu a mulleres de máis de 170 concellos do rural galego a través dos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles nos seus primeiros cinco meses de funcionamento.

Neste tempo, os CIM móbiles consolídanse como esenciais para asesorar e acompañar as residentes en puntos da comunidade que non dispoñen de recursos fixos deseñados para esta fin. Así queda reflectido no feito de que que a maioría dos concellos nos que estiveron presentes solicitaron novas visitas despois da primeira. Deste modo, este recurso realizou 390 visitas aos distintos municipios participantes no programa.

As consultas relacionadas coa xestión emocional ou os vínculos afectivos foron as máis recorrentes, cun total de 239 atencións psicolóxicas e 108 atencións sociais. As intervencións de carácter xurídico foron 31, completando o enfoque integral e multidisciplinar que caracteriza o programa.

Ademais da atención individualizada, este servizo do Goberno galego desenvolveu unha vintena de accións de sensibilización entre obradoiros, actividades, grupos de traballo e puntos de atención a pé de rúa co obxectivo de concienciar á poboación para combater as desigualdades e as violencias contra as mulleres. Dentro desta función de prevención e difusión dos recursos existentes, os CIM móbiles tamén realizaron 17 visitas a centros universitarios.

Os datos dos primeiros cinco meses de actividade deste recurso revelan tamén un aumento da demanda a medida que avanza o tempo, especialmente entre maio e xullo, o que indica unha progresiva consolidación e coñecemento do servizo por parte da poboación, así como unha maior identificación das necesidades de atención. As cifras confirman a importancia da presenza dos CIM móbiles para estar ao carón das mulleres no rural.

0.33692812919617