Os colexios Curros Enríquez de Galicia xúntanse en Celanova nunha xornada de convivencia educativa

Celanova foi escenario este mércores dunha nova edición da Xornada de Convivencia dos centros educativos que levan o nome de Curros Enríquez en Galicia, unha iniciativa que busca reunir periodicamente ao alumnado arredor da figura do poeta e do seu legado.
A actividade está organizada pola Fundación Curros Enríquez en colaboración co Concello de Celanova, e contou coa participación duns cen escolares de 5º e 6º de Educación Primaria dos CEIP Curros Enríquez da Coruña e de Celanova.
A xornada comezou coa chegada do alumnado á vila, tras unha merenda na Praza Maior, onde foron recibidos polo presidente da Fundación e alcalde de Celanova, Antonio Puga. A continuación, os participantes realizaron unha actividade en colaboración co comercio local da rúa Emilia Pardo Bazán, consistente na decoración de escaparates con flores, maios e versos do poema “O maio” de Manuel Curros Enríquez. Esta iniciativa deu lugar á creación do espazo denominado “O maio dos Curros”, que permanecerá instalado ata finais do mes.
Pola tarde, o alumnado da Coruña participou nun programa de coñecemento do patrimonio literario e histórico da zona. A actividade incluíu a visita á casa familiar de Manuel Curros Enríquez, un percorrido ata Vilanova dos Infantes, cunha visita guiada á torre da homenaxe e á Cova de San Vivián, onde se atopa o centro etnográfico dos zapateiros, e finalizou no xacemento arqueolóxico de Castromao.
Esta xornada enmárcase na programación educativa e cultural que promove o intercambio entre centros e a posta en valor da figura de Curros Enríquez e da súa terra natal.