Os concellos chaman á prudencia ante unha noite de San Xoán marcada polas altas temperaturas

A través de bandos, publicacións nas redes sociais e comunicacións oficiais, lembran a importancia de extremar as precaucións durante o acendido das cacharelas
precaucions-fogueiras
23 Jun 2026

Os concellos de toda Galicia realizaron durante as últimas horas un chamamento conxunto á responsabilidade cidadá e á máxima prudencia durante a celebración das fogueiras de San Xoán, ante as elevadas temperaturas previstas para esta noite e o incremento do risco de incendios.

A través de bandos, publicacións nas redes sociais e comunicacións oficiais, a maioría dos municipios lembraron á veciñanza a importancia de extremar as precaucións durante o acendido das cacharelas, especialmente nun contexto meteorolóxico marcado pola calor intensa e pola seca do terreo.

As administracións locais insisten na necesidade de cumprir estritamente as condicións establecidas nas autorizacións municipais concedidas para a realización das fogueiras, así como respectar todas as medidas de seguridade destinadas a evitar incidentes.

Entre as principais recomendacións figura a prohibición de queimar materiais perigosos, contaminantes ou susceptibles de provocar explosións, proxeccións ou emisións tóxicas. Do mesmo xeito, tamén se lembra a obrigatoriedade de manter distancias de seguridade respecto de vivendas, vehículos, masas forestais, instalacións agrícolas, almacéns, cableados eléctricos e outros elementos vulnerables.

Os concellos destacan ademais que as fogueiras non deben permanecer sen vixilancia en ningún momento e recomendan dispoñer de medios de extinción próximos, como mangueiras, caldeiros con auga, extintores ou outros recursos que permitan actuar con rapidez en caso de emerxencia.

Outra das mensaxes comúns trasladadas polas administracións locais é a necesidade de evitar calquera comportamento que poida favorecer a propagación do lume, especialmente debido ás condicións excepcionais derivadas das altas temperaturas rexistradas nos últimos días.

Desde os diferentes gobernos municipais lembran que a noite de San Xoán constitúe unha das celebracións máis arraigadas do calendario festivo galego, pero subliñan que o seu desenvolvemento con normalidade dependerá do comportamento responsable da cidadanía.

Así mesmo, recomendan contactar de inmediato co servizo de emerxencias 112 ante calquera incidencia, risco de propagación das lapas ou situación que poida comprometer a seguridade das persoas ou dos bens.

 

0.36254405975342