Os condutores do transporte urbano de Santiago culpen á empresa do deterioro do servizo

Os condutores e condutoras do transporte urbano de Santiago de Compostela denunciaron o deterioro que está a sufrir o servizo nos últimos días e reclamaron que non se lles responsabilice das deficiencias que están a afectar á mobilidade na cidade. Nun comunicado dirixido á cidadanía, os traballadores aseguran que tamén son vítimas desta situación e sinalan directamente á xestión da empresa concesionaria como responsable de boa parte dos problemas.
Segundo explican, a retirada de numerosos autobuses da circulación está provocando que distintas liñas e expedicións non se poidan realizar con normalidade, o que se traduce en maiores tempos de espera, dificultades nos desprazamentos e servizos que quedan sen prestar.
Os condutores atribúen unha parte importante destas deficiencias á decisión da empresa de retirar vehículos que estaban en funcionamento para reparalos e adaptalos ás exixencias da nova concesión, sen incorporar outros autobuses para substituílos. Ademais, denuncian que parte deses vehículos permanecen posteriormente estacionados e sen prestar servizo, unha situación que, segundo indican, afecta directamente á cobertura das liñas e ás expedicións programadas.
Os traballadores aseguran comprender o malestar das persoas usuarias e recoñecen que son estas quen están a sufrir directamente as consecuencias dos problemas no transporte. "Son os cidadáns quen pagan as consecuencias desta situación e teñen todo o dereito a reclamar un transporte público digno, fiable e que cumpra coas frecuencias e servizos establecidos", sinalan.
Presión laboral e falta de información
O comunicado tamén pon o foco nas condicións laborais dos condutores, que aseguran estar soportando xornadas cada vez máis difíciles, con atrasos constantes, unha enorme presión e dificultades para realizar os servizos con normalidade e descansar o necesario entre xornadas.
A esta situación engaden a falta de información por parte da empresa sobre os problemas actuais e sobre os cambios que afectarán aos traballadores coa entrada en vigor do novo contrato do transporte urbano.
Os condutores explican tamén que están recibindo numerosas queixas, reproches e mesmo faltas de respecto por parte dalgúns usuarios, que descargan neles a súa frustración polo funcionamento do servizo. Por iso, reclaman comprensión e respecto tanto para as persoas usuarias como para os propios traballadores.
"Os condutores non decidimos cantos autobuses están dispoñibles, que vehículos se retiran da circulación nin como se organiza a prestación do servizo", lembran no comunicado. A súa responsabilidade, engaden, é desenvolver o traballo coa máxima profesionalidade e garantir, na medida do posible, a seguridade dos viaxeiros.
Neste sentido, consideran inxusto ter que asumir as consecuencias dunha situación que non está nas súas mans resolver. "Non é xusto que sexamos nós quen teñamos que dar explicacións aos usuarios, soportar a presión e sufrir as consecuencias dun funcionamento deficiente do transporte público", denuncian.
Reclaman responsabilidades á empresa e ao Concello
Ante esta situación, os traballadores reclaman que a empresa asuma as responsabilidades derivadas das decisións adoptadas na organización e prestación do servizo. Ao mesmo tempo, piden ao Concello de Santiago que exerza as súas funcións de control e esixa o cumprimento das obrigas establecidas, adoptando as medidas necesarias para recuperar a normalidade do transporte urbano.
Os condutores consideran especialmente importante garantir unha transición responsable ante o próximo cambio de servizo, evitando que este proceso prexudique tanto ás persoas usuarias como aos traballadores.
"A cidadanía de Santiago merece un transporte público de calidade e os condutores merecemos unhas condicións de traballo dignas, seguras e respectuosas", reivindican.
O comunicado conclúe cunha mensaxe na que os traballadores insisten en que non son responsables das deficiencias do servizo e piden que as responsabilidades recaian en quen realmente corresponda. "Non somos o problema. Somos tamén parte prexudicada por esta situación e non imos aceptar que se nos faga responsables das deficiencias dun servizo que non depende das nosas decisións", conclúen.