Os datos da EPA do terceiro trimestre evidencian os graves problemas estruturais do mercado laboral galego

A Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre amosa que o emprego en Galicia segue a depender de sectores estacionais, mentres se agrava o avellentamento da poboación activa e a perda de emprego na industria e na construción.
Emprego
27 Oct 2025

Cada ano, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre —correspondente aos meses de xullo, agosto e setembro— reflicten unha mellora aparente no comportamento do mercado laboral galego, derivada do marcado carácter estacional do emprego, centrado en actividades ligadas ao turismo como a hostalaría e o comercio. Porén, ao analizar en detalle estes datos, obsérvanse graves problemas estruturais que seguen a afectar o mundo do traballo en Galicia: o avellentamento da poboación activa e o descenso da ocupación na industria e na construción, dous sectores con mellores condicións laborais e salariais.

En canto á poboación activa, o aumento rexistrado neste trimestre débese principalmente ás mulleres, mentres que entre os homes descende. Trátase maioritariamente de mulleres maiores de 45 anos, o que agrava un dos principais desequilibrios estruturais do mercado laboral: máis do 58 % da poboación activa supera os 45 anos de idade.

Ao mesmo tempo, a taxa de actividade galega é un 5,4 % inferior á media estatal, o que contribúe a manter o desemprego en niveis máis baixos que no conxunto do Estado. “O paro descende en Galiza por avellentamento da poboación e como consecuencia da emigración da xente nova e sobrecualificada para un mercado laboral precario como o noso”, advertiu o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.

Os datos da EPA tamén amosan que, aínda que aumenta o número de persoas dispostas a traballar, a economía galega non é quen de xerar empregos ao ritmo necesario, o que provoca un incremento do paro feminino, especialmente nos sectores máis precarizados, marcados pola temporalidade e o tempo parcial.

Exceptuando un insignificante incremento do emprego no sector primario (apenas 100 persoas), todo o emprego xerado no terceiro trimestre concéntrase no sector servizos, e dentro del, nas actividades relacionadas co turismo.

⚙ Configurar cookies
0.40987300872803