Os interinos non terán que presentarse ás oposicións para manterse nas listas de substitución

O persoal docente interino e substituto con posto consolidado non terá que matricularse nin presentarse ás oposicións para manterse nas listaxes de substitución. Trátase dun acordo histórico acadado no marco da comisión de seguimento do Acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP.
Tras intensas xornadas de negociación, as organizacións sindicais asinantes lograron a supresión dunha obriga que durante anos forzaba ao profesorado interino e substituto a presentarse aos procedementos selectivos unicamente para non decaer das listaxes, aínda que non optasen realmente a unha praza fixa.
A medida aplicarase exclusivamente ao persoal con posto consolidado. Para o profesorado non consolidado ou para novas incorporacións ás listaxes, seguirá sendo requisito presentarse ás oposicións.
Os sindicatos destacan que este cambio supón unha mellora substancial tanto para o profesorado como para o propio sistema educativo. Entre os beneficios salientan a optimización do funcionamento dos tribunais de oposición, reducindo a carga burocrática e permitindo centrar os recursos nas persoas aspirantes reais; unha repartición máis xusta das prazas entre tribunais; e unha mellor conciliación da vida laboral e familiar, ao eliminar desprazamentos obrigatorios sen impacto real no proceso selectivo.
Ademais, o novo modelo achega maior seguridade xurídica e estabilidade ás listaxes de interinidade e substitucións, ao vincular a permanencia nelas á experiencia profesional efectiva e ás renuncias debidamente xustificadas.
Desde as organizacións sindicais subliñan que este avance recoñece o papel esencial do persoal interino e substituto no funcionamento do ensino público galego e comprométense a seguir traballando para blindar dereitos e mellorar as condicións laborais do colectivo. O acordo definitivo materializarase coa sinatura dunha nova addenda e a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).