Os museos de Vigo celebran a Noite Branca con máis de 30 actividades

A cidade de Vigo prepara unha nova edición da Noite Branca con máis de 30 actividades nos seis museos municipais. O alcalde Abel Caballero presentou este martes a programación que terá lugar o sábado 2 de agosto, cun horario ampliado de 20:00 a 01:00 horas da madrugada e propostas culturais para todos os públicos.
Participarán os museos Quiñones de León, Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura, Verbum e Museo Liste. As actividades inclúen visitas guiadas e comentadas, espectáculos de teatro e danza contemporánea, maxia, xogos participativos, talleres e concertos.
Entre as propostas destacan a visita comentada á exposición de Castelao e á colección Colmeiro na Pinacoteca, o espectáculo de danza “Ollos cara dentro Xa” e a “Xincana do Marqués de Alcedo” no Museo Quiñones de León. O Verbum acollerá o concerto de Samuel Leví e os Nenos Perdidos, mentres que na Casa das Artes actuarán Nicolás Pastoriza e haberá visitas comentadas con artistas como Pilar Alonso.
A programación tamén se estende á Casa Galega da Cultura, o Museo Liste —con visitas arredor da cestería e experiencias etnográficas— e o MARCO, con visitas guiadas ás exposicións en curso.
As reservas para participar nalgunhas actividades poden realizarse por teléfono (986 240 130) ou no correo electrónico reservas.aprmvigo@gmail.com.