Os partidos únense ante a iniciativa socialista en defensa dos postos de traballo de Nestlé de Pontecesures

A Comisión de Emprego do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para esixirlle á Xunta un Plan de acción para defender os postos de traballo da planta de Nestlé en Pontecesures afectados polo ERE imposto pola empresa. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou esta iniciativa para reclamar a “implicación activa” do goberno galego na defensa das traballadoras e da actividade da planta.
Dacosta reclamoulle ao goberno galego que cumpra co acordo acadado hoxe e que “entenda a preocupación lexítima” das 200 familias das traballadoras da planta, que se están a enfrontar a un ERE que inicialmente afectaría a 27 postos de traballo e que logo da mobilización da plantilla foi reducido a 17. Explicou que “se trata de familias e de proxectos de vida” de persoas que ven perigar o seu sustento pola decisión dunha multinacional que recibe beneficios.
Explicou que a planta de Pontecesures ocupa unha posición estratéxica como principal produtora de leite condensado da multinacional, que exporta a máis de 50 países e que pechou o pasado ano cunha facturación récord próxima aos 2.900 millóns de euros en España. Por este motivo, advertiu, as traballadoras consideran que o ERE é “inxustificado” e resulta “difícil comprender que a resposta a unha suposta reorganización pase pola destrución de emprego neste centro produtivo”.
Reivindicou o traballo dos socialistas galegos, que se situaron dende o primeiro momento “ao lado das persoas traballadoras, da defensa da actividade industrial e traballando para que Galicia non perda nin emprego nin capacidade produtiva”. Así o demostrou coa visita do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que se desprazou xa o pasado 6 de maio ata Pontecesures para reunirse co Comité de Empresa mesmo antes da constitución da mesa negociadora.
A proposta aprobada hoxe empraza á Xunta a implicarse durante todo o proceso de negociación, manténdose en contacto tanto coas traballadoras como coa dirección da empresa para garantir “reducir ao mínimo” os postos de traballo afectados, garantindo o mantemento da actividade industrial e do emprego en Galicia. Ademais, empraza ao goberno galego a dar conta no Parlamento das súas actuacións neste sentido e dos avances no proceso de negociación.
Dacosta advertiu que este caso está a situar no centro do debate “que política industrial queremos para Galicia”, e reclamou “unha Galicia que produza, que transforme, capaz de exportar valor engadido ao mundo” ou do contrario “resignarnos a ser un territorio que produce materia prima mentres perde progresivamente capacidade industrial”.