Os Premios Feroz 2026 celebraranse de novo en Pontevedra cunha gala “moi galega”

A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) confirmou que os Premios Feroz 2026 volverán celebrarse en Pontevedra. A gala terá lugar o 24 de xaneiro no Pazo da Cultura, repetindo o exitoso formato da edición anterior.
Así o anunciou a presidenta da AICE, María Guerra, durante a súa intervención no festival Lo que viene, celebrado en Tenerife. Guerra destacou o “éxito total” da edición de 2025 na cidade galega e agradeceu o extraordinario apoio institucional e social recibido. “A relación dos Feroz con Pontevedra foi extraordinaria. Foi unha cerimonia feita por profesionais galegos e todo saíu extraordinariamente ben”, sinalou.
A gala de 2026 contará con catro presentadores, entre eles a artista e activista Samantha Hudson. Segundo Guerra, esta decisión responde a unha aposta pola diversidade, tanto estética como de discursos, e permitirá ofrecer un guión máis sólido e áxil.
Ademais da cerimonia, Pontevedra acollerá desde outubro unha intensa programación de actividades culturais vinculadas ao cinema e ás series, consolidando así o seu papel como capital audiovisual. A edición anterior reuniu máis de 1.100 convidados, cunha gran implicación da cidadanía e máis de 170 xornalistas acreditados.
Guerra avanzou que a gala de 2026 será “moi galega”, con previsións de que filmes como Sirat de Oliver Laxe ou Romería de Carla Simón estean entre as protagonistas. A presidenta tamén subliñou o interese da organización por manter vínculos estables coa cidade, mesmo tras cambiar de sede en futuras edicións.