Os sindicatos chaman á folga os máis de 20.000 traballadores e traballadoras da atención primaria

Os sindicatos CIG, CSIF, CCOO e UGT anunciaron unha folga na atención primaria para o vindeiro 26 de novembro, acompañada de diversas mobilizacións nas xornadas previas. Están chamados a participar na convocatoria máis de 20 000 traballadores e traballadoras do sector.
As organizacións convocantes avanzan concentracións os días 18, 19 e 20 diante dos centros de saúde e PAC, en quendas de quince minutos ás 11:00 e ás 18:00 horas. Tamén prevén unha concentración o día 19 diante do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ás 11:00 da mañá. A xornada de folga do día 26 incluirá unha manifestación diante do Sergas entre as 11:00 e as 12:00 horas.
Os sindicatos esixen a retirada inmediata da proposta de medidas presentada polo Sergas o pasado 17 de outubro e a eliminación da categoría de facultativo especialista en atención primaria (FEAP). Reclaman, ademais, a negociación dun Plan de ordenación de recursos humanos que permita coñecer con precisión as necesidades de persoal e establecer medidas transitorias mentres non haxa suficientes profesionais dispoñibles.
Entre as demandas inclúense a revisión das ratios por categorías, o incremento de persoal administrativo, a creación de novas categorías profesionais e a actualización do modelo retributivo, con melloras nas contías por tarxetas sanitarias, nos complementos de soidade e illamento, na manutención e nas quendas do persoal dos puntos de atención continuada (PAC).
As organizacións convocantes defenden tamén a convocatoria do concurso específico de enfermaría familiar e comunitaria, a mellora dos recursos materiais dos centros e a aplicación efectiva da redución de xornada pactada en 2023. Reclaman a eliminación do aplicativo de cómputo horario do persoal de PAC, a supresión da xornada complementaria obrigatoria e garantías de que non se abrirán vías alternativas para exercer en medicina familiar e comunitaria sen a titulación correspondente.
Na conferencia de prensa conxunta, a secretaria xeral da Federación de Sanidade de CCOO, Luz Fernández Tuñas, advertiu de que o actual déficit de persoal médico «xa existiu noutros momentos, como no 2005 ou no 2008, cando se instaurou o modelo de PAC». Recordou que naquela etapa se alcanzaron acordos «para paliar transitoriamente esta falta de médicos ata que no 2013 xa houbo profesionais».
Fernández Tuñas insistiu en que o fundamental agora é adoptar medidas transitorias e negociar un plan de ordenación de recursos humanos «que permita saber o mapa do que nos falta e o que necesitamos, e ver como paliar a situación mentres non haxa profesionais no mercado».
A representante sindical criticou que o Sergas «en vez de novos plans, recorre a idénticas estratexias de hai vinte anos, que xa se comprobou que non funcionaban». Tamén cualificou de «ocorrencia, histrionismo» a proposta de homologar como especialistas en medicina familiar e comunitaria a profesionais extracomunitarios por vías alternativas, advertindo de que esa fórmula «desvaloriza totalmente a atención primaria e aos seus profesionais» e representa unha «liña vermella» para os sindicatos.
Por último, alertou do impacto que os plans do Sergas poderán ter na cidadanía, especialmente nas gardas obrigatorias. «Se unha persoa tiña unha demora de cinco días para obter cita en medicina de familia, agora poden ser oito, porque o profesional estará obrigado a facer gardas, o que atrasará o tempo de obtención das citas», concluíu.