Os sindicatos coinciden en que baixa o paro en abril, pero alertan da precariedade e reclaman cambios estruturais en Galicia

Os datos do paro rexistrados no mes de abril confirman unha mellora do emprego en Galicia, cun descenso de 2.377 persoas desempregadas e un aumento da afiliación á Seguridade Social
foto_arquivo_paro_desemprego
5 May 2026

Os datos do paro rexistrados no mes de abril confirman unha mellora do emprego en Galicia, cun descenso de 2.377 persoas desempregadas e un aumento da afiliación á Seguridade Social. Porén, os principais sindicatos coinciden en advertir de que esta evolución positiva está fortemente condicionada pola campaña de Semana Santa e segue asentada en sectores de baixo valor engadido.

Desde CCOO valoran de maneira positiva a redución do desemprego e o incremento da afiliación, aínda que subliñan que Galicia presenta unha evolución máis lenta que o conxunto do Estado. O sindicato destaca que boa parte dos novos empregos se concentran na hostalaría e en actividades administrativas, o que evidencia un modelo produtivo “obsoleto” e baseado en ocupacións de menor calidade. Ademais, denuncian a menor presenza de contratación indefinida respecto da media estatal e reclaman á Xunta “un maior compromiso coa creación de emprego estable e de calidade”.

Pola súa banda, UGT-Galicia tamén incide en que abril adoita ser un mes favorable para o emprego, pero chama a non perder de vista os problemas estruturais do mercado laboral. Entre eles, destaca o peso do paro de longa duración, que representa case a metade do total, e que evidencia as dificultades de inserción laboral dunha parte importante da poboación. O sindicato aposta por reforzar as políticas activas de emprego, con itinerarios personalizados e máis recursos nos servizos públicos, así como por medidas que melloren a estabilidade laboral e as condicións de traballo.

Desde a CIG, a análise é máis crítica e apunta directamente á precariedade e inestabilidade do emprego xerado. O sindicato sinala que “case o 50% das novas afiliacións” se concentran na hostalaría e están ligadas a un emprego estacional, especialmente pola Semana Santa. “Trátase de emprego que non garante estabilidade nin ingresos suficientes”, advirten, ao tempo que reclaman un cambio de modelo produtivo que aposte pola industria e por sectores que xeren traballo estábel ao longo de todo o ano.

A central nacionalista tamén critica a falta de política industrial da Xunta e alerta da vulnerabilidade deste modelo ante crises económicas, insistindo na necesidade de impulsar sectores estratéxicos e reducir a dependencia do turismo e dos servizos.

En conxunto, os sindicatos coinciden en que, malia a mellora puntual dos datos, Galicia continúa a arrastrar problemas estruturais como a precariedade, a temporalidade e a desigualdade no mercado laboral, especialmente no caso das mulleres, que seguen representando a maioría das persoas desempregadas.

0.3412971496582