Os sindicatos do ensino concertado ameazan con folga o primeiro día de clase se Educación non negocia

Centos de traballadores do ensino concertado concentráronse diante dos edificios administrativos da Consellería de Educación na Coruña, Vigo e Santiago para reclamar a apertura de negociacións na Mesa Tripartita do sector. As mobilizacións foron convocadas por CIG-Ensino, FSIE, UGT, CCOO, USO e SNEP, que advertiron de que convocarán folga o primeiro día lectivo do curso 2026/2027 se a Xunta non atende as súas demandas.
As organizacións sindicais denuncian o bloqueo das negociacións e acusan a Consellería de Educación de tomar decisións que afectan ao persoal da concertada sen abordar previamente as súas condicións laborais, sociais e salariais. Segundo lembran, o sector emprega a máis de 7.000 profesionais en Galicia.
Entre as principais reclamacións figuran a redución do horario lectivo, a equiparación salarial co profesorado do ensino público, a recuperación da paga extraordinaria de antigüidade e o pagamento de complementos por cargos como coordinacións, titorías ou dinamización lingüística.
Os sindicatos tamén reclaman que o dereito á xubilación parcial se estenda a todo o profesorado do sector, que se garanta a recolocación dos postos de traballo que poidan perderse e que se aprobe un complemento autonómico para o persoal de administración e servizos.
Durante as concentracións, as organizacións sindicais criticaron que as medidas de redución de carga lectiva aplicadas noutros ámbitos non cheguen ao ensino concertado, o que, ao seu xuízo, xera diferenzas entre profesorado e alumnado. Tamén lembraron que hai acordos asinados hai anos que seguen sen desenvolverse.
As centrais consideran que a Mesa Tripartita debe converterse nun verdadeiro espazo de negociación e non limitarse a reunións puntuais de carácter informativo. Por iso, reclaman ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que abra unha negociación real para evitar que o novo curso arranque cun conflito laboral no sector.