Os socialistas acusan á Xunta de presumir dunha política de prevención de incendios "inexistente"

No último parte subministrado pola Xunta de Galicia, da tarde de onte, os principais incendios forestais continúan evolucionando favorablemente
estrada-incendios-quiroga
17 Jun 2026

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou a resposta do presidente da Xunta e da conselleira de Medio Rural logo da desastrosa xestión dos incendios forestais e advertiu que “non se pode mentir máis” cando presumen dunha planificación e prevención “inexistentes”. Dacosta presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que sinalou que a xestión dos incendios desta fin de semana deixou en evidencia que “non fixeron nada” na prevención dos lumes.

Dacosta advertiu que os incendios de Padrón -máis de 350 hectáreas-, Boborás -250 hectáreas con risco para as vivendas- e Xermade na primeira fin de semana de calor amosaron a falla de políticas de prevención do goberno galego, que repite “os mesmos problemas de sempre”. Salientou o suspenso no primeiro exame da temporada cando evidencian “a prevención que chega tarde, os reforzos de última hora e a sensación de que a Xunta reacciona en lugar de anticiparse”.

Sinalou que estes lumes amosaron que Galicia non está preparada para afrontar a campaña de incendios porque a Xunta chegou a xuño sen realizar as actuacións preventivas e cunha planificación “inexistente” para afrontarse a uns incendios que “non esperan pola súa propaganda”. Sinalou que Galicia “sabe demasiado ben o que sucede cando chegan tarde” as tarefas preventivas do goberno, con consecuencias tráxicas como as do verán pasado.

Acusou ao goberno galego de ter aprobado o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -Pladiga- “tarde, mal e arrastro”, que sigan sen facer “nada de nada” para presentar a Lei de Incendios e que agora queiran sacudirse o compromiso acadado no Debate do Estado da Autonomía para asumir a limpeza das franxas secundarias nos concellos pequenos.

A responsable socialista cargou contra a decisión da Consellería de contratar 42 brigadas a partir de xullo nunha decisión cuestionada polos sindicatos que alertan de que están a “externalizar e precarizar” un servizo que precisa de profesionalización, estabilidade e condicións laborais. Puntualizou que “non discutimos a necesidade de máis brigadas”, pero si a decisión da Xunta de substituír o emprego público estable por persoal temporal en precario.

Alertou de que Medio Rural “aboca a mozos e mozas sen experiencia a traballar tres meses” con incendios de nova xeración, fóra da capacidade de extinción, que van “xogar a vida” porque o goberno galego “segue sen reforzar o dispositivo como debería”. Advertiu que a responsabilidade será da Xunta cando chegue a temporada de alto risco, que “non se poderán agochar detrás de ningún expediente”.

Acusou ao goberno galego de facer “todo o contrario” das recomendacións da Comisión de Estudo dos incendios forestais logo da vaga de lumes de 2017, que pedía un dispositivo integrado por persoal da administración con estabilidade laboral e formación que despregara traballo preventivo durante todo o ano.

Advertiu que cando se ven “coa auga ao pescozo” e recoñecendo que carecen de recursos para afrontar a campaña, anuncien agora unha nova Comisión de incendios que rexeitaran cando a propuxo o portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, en 2025. Dacosta reclamou que “cambien o modelo e garantan que as vivendas, as persoas e o territorio de Galicia está protexido dos incendios forestais”.

OS INCENDIOS EN GALICIA

No último parte subministrado pola Xunta de Galicia, da tarde de onte, os principais incendios forestais continúan evolucionando favorablemente.

Na provincia da Coruña, o incendio de Padrón, na parroquia de Herbón, permanece estabilizado desde a mañá do luns. Ademais, xa foi desactivada a Situación 2 de emerxencia que se declarara pola proximidade das lapas aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas. O lume, iniciado o pasado venres, afecta unhas 350 hectáreas e mobilizou un amplo dispositivo de extinción.

Na provincia de Lugo, o incendio de Xermade, na parroquia de Roupar, quedou controlado ás 16.50 horas deste martes. O lume, declarado o luns, afectou unha superficie estimada de 35 hectáreas e contou coa intervención de numerosos medios terrestres e aéreos.

En Ourense, o incendio de Boborás, na parroquia de Moreiras, continúa estabilizado desde a noite do luns. Tamén foi desactivada a Situación 2 que se decretara pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña. Este incendio, iniciado o sábado, afecta arredor de 250 hectáreas.

0.27888798713684